Manuel de Falla y Matheu, nado en Cádiz o 23 de novembro de 1876 e finado en Alta Gracia (Arxentina) o 14 de novembro de 1946, foi un compositor andaluz do nacionalismo musical. Con Isaac Albéniz, Enrique Granados, Joaquín Turina e Joaquín Rodrigo é un dos músicos máis importantes da primeira metade do século XX en España, e un dos compositores españois máis importantes de todos os tempos.
Pertenceu a unha acomodada familia de comerciantes gaditanos e recibiu formación musical dende a súa infancia, tanto de piano como de solfexo. Continuou os seus estudos con varios profesores e, grazas ás amizades familiares, entrou nos círculos culturais da cidade, particularmente na casa de Salvador Viniegra. Alí coñeceu as obras de importantes compositores. A súa primeira interpretación pública foi coa súa nai no recital para piano de Die sieben letzten Worte unseres Erlösers am Kreuze (en galego As sete últimas palabras de Cristo na cruz) de Joseph Haydn. Posteriormente, trasladouse a Madrid, onde continuou a súa formación en piano con José Tragó e compuxo obras para piano e música de cámara. Coñeceu a Felip Pedrell, quen foi unha notable influencia na súa posterior carreira e espertou o seu interese polo flamenco e o cante jondo. Máis tarde, marchou a París, onde fixo amizade con diversos membros da sociedade cultural da cidade, como Paul Dukas, Isaac Albéniz, Claude Debussy, Ricard Viñes (que o introduciu en Les Apaches), Maurice Ravel, Igor Stravinskii ou Joaquín Nin. Ao seu regreso a Madrid en 1914, estreitouse a súa relación con María e Gregorio Martínez Sierra, e colaboraron nalgunhas das súas obras. Tivo unha destacada presenza na vida cultural e política da cidade e creceu a súa popularidade, e traballou con Sergei Diagilev e os seus Ballets Russes. En 1919 marchou a Granada, onde fixo relación con Antonio de Luna García, Federico García Lorca, Miguel Cerón, Fernando de los Ríos, Hermenegildo Lanz e Manuel Ángeles Ortiz, entre outros, e puido coñecer con maior profundidade o flamenco e o cante jondo. En 1939, e finalizada en España a guerra civil, trasladouse á Arxentina, onde viviu ata o seu falecemento en 1946.
Entre as súas obras máis célebres encóntranse a pantomima El amor brujo, o ballet El sombrero de tres picos, as Siete canciones populares españolas para voz e piano, a Fantasia Bætica para piano e Noches en los jardines de España, todas elas compostas ao regreso da súa estadía en París. Ademais, compuxo a ópera La vida breve, a ópera para marionetas El retablo de Maese Pedro, o Concerto para clavicémbalo e cinco instrumentos, varias zarzuelas (aínda que a única que se representou foi Los amores de la Inés) e varias obras vocais, para piano e música de cámara. A súa última obra, Atlàntida, finalizouna o seu discípulo Ernesto Halffter e publicouse despois da morte do compositor.
Exerceu unha grande influencia sobre o Grupo dos Oito e a Xeración do 27. O Arquivo Manuel de Falla, inaugurado en Granada en 1991, garda numerosas fotografías, cartas, partituras, manuscritos e outros documentos do compositor.
Traxectoria Infancia e mocidade miniatura|esquerda|Manuel de Falla, disfrazado, en 1883. Manuel María de los Dolores Falla y Matheu naceu o 23 de novembro de 1876 ás seis da mañá no domicilio familiar da Praza de Mina número 3 en Cádiz. Foi o fillo máis vello do matrimonio formado por José María Falla Franco, un acomodado comerciante de orixe valenciana, e de María Jesús Matheu y Zabala, proveniente dunha adiñeirada familia industrial catalá, aínda que ambos eran de Cádiz. Tivo catro irmáns: José María "Pepito" (nado 2 anos despois que Manuel), María del Carmen (seis anos máis nova), Servando e Germán, os dos últimos eran xemelgos e 13 anos menores ca el. Bautizárono na igrexa católica da Nosa Señora do Rosario o 26 de novembro. Os falecementos do seu avó materno —en 1884—, a súa tía Magdalena —durante a epidemia de cólera de 1885—, e os seus irmáns Pepito —na mesma época— e Servando —pouco despois de nacer en 1889—, impresionárono enormemente. Dise que Manuel contraeu tuberculose na súa infancia. Todo iso, unido á súa feble complexión, fixo que desenvolvese unha obsesión pola limpeza e medo a contaxiarse e enfermar.
Manuel e os seus irmáns recibiron unha boa educación na casa. Recibiu as súas primeiras leccións de solfexo de man da súa nai, intérprete de piano, e do seu avó. Ademais, a súa ama de leite, "La Morilla", ensinoulle cantigas de berce e populares que estimularon a súa imaxinación e deixaron pegada nel. Aos nove anos de idade, a súa nai decidiu que tiña que estudar máis formalmente, polo que continuou os seus estudos musicais cunha profesora de piano amiga súa chamada Eloísa Galluzo e cuxos métodos de ensinanza eran "moi severos". En 1889 proseguiu os seus estudos de piano, solfexo e harmonía con Alejandro Odero, e harmonía e contrapunto con Enrique Broca. Tamén realizaba prácticas de piano a catro mans de obras de Richard Wagner e Wolfgang Amadeus Mozart cunha amiga da familia. Nesa época, Manuel asistía ás veladas vespertinas de música de cámara que se celebraban na casa de Salvador Viniegra, amigo da familia, e tivo acceso á gran biblioteca musical que posuía. Tamén asistía a outros eventos musicais en Cádiz, onde descubriu música como Faust de Charles Gounod e obras de Mozart, Ludwig van Beethoven, Vincenzo Bellini e Edvard Grieg, que estaba de moda. A súa primeira interpretación pública foi coa súa nai no recital para piano de Die sieben letzten Worte unseres Erlösers am Kreuze (en galego As sete últimas palabras de Cristo na cruz) de Joseph Haydn na igrexa de San Francisco. miniatura|Solicitude ao instituto para cambio de "oficial" a "doméstica" de varias materias de 1891. No Arquivo Histórico Provincial de Cádiz encóntrase custodiado o seu expediente escolar, que estaba en posesión dos fondos do Instituto Columela onde estudou, ata que foi transferido ao Arquivo en decembro de 2003. Nel, a parte das súas boas notas, saliéntase o seu manexo á hora de resolver unha operación aritmética e a excelente caligrafía que tiña a pesar de contar con tan só once anos.
Aos doce anos, os seus intereses eran principalmente a literatura e o xornalismo. En 1888 fundou e dirixiu, xunto cun grupo de amigos, a revista literaria El Burlón e, en 1891 participou nunha segunda titulada El Cascabel, que tamén terminou dirixindo. Nesa época, especúlase que compuxera unha ópera en catro actos chamada El conde de Villamediana, da que non se conserva a música, mais si o libreto, que estaba inspirado en obras do Duque de Rivas. Ao redor de 1892, cando tiña 16 anos, compuxo o seu Opus núm. 1, Gavotte et Musette para piano. Aos dezasete anos, segundo confesou o propio Falla nunha carta en 1928 ao seu biógrafo e amigo Alexis Roland-Manuel, decidiu que a súa vocación era a música.
Traslado a Madrid miniatura|esquerda|Casa madrileña da rúa Serrano núm. 72 na que viviu Falla de 1901 a 1907. A partir de 1896 comezou a viaxar con asiduidade a Madrid, onde asistiu ao Real Conservatorio de Música e Declamación. Alí estudou piano con José Tragó, que tiña moi boa opinión sobre o seu alumno e comentou que era "un mozo moi estudoso, moi concienciudo; de bos talentos artísticos e ao cal seguramente lle está a esperar un prometedor futuro nesta difícil arte". Contra finais dese ano, estableceuse definitivamente en Madrid. En 1897 matriculouse oficialmente en calidade de alumno libre do Conservatorio. Ese mesmo ano compuxo Melodía, unha obra para violoncello e piano, dedicada a Salvador Viniegra, xa que Falla participaba nas sesións de música de cámara que se realizaban en casa deste. Ao ano seguinte superou, con altas cualificacións, o equivalente a tres anos de solfexo e cinco de piano no Conservatorio, e compuxo Scherzo en dó menor para piano. En 1899 terminou os estudos oficiais na Escuela Nacional de Música y Declamación e obtivo, por unanimidade, o primeiro premio de piano de devandito centro. Neses anos, realizou viaxes frecuentes a Cádiz e deu recitais nas casas de Viniegra e de Manuel Quirell, nos que interpretaba composicións de Frédéric Chopin, Robert Schumann ou Grieg, xunto con obras propias. Na casa de Viniegra, estreou en 1899 obras como Romanza, Melodía para violonchelo e piano (dedicada a Viniegra), Cuarteto en sol e Serenata andaluza; na de Quirell, estreou Nocturno, e Mireya no Teatro Cómico. En 1900 compuxo Canción para piano e algunhas pezas vocais e para piano. Estreou Serenata andaluza e Vals-Capricho para piano no Ateneo de Madrid. A súa familia mudouse con el, debido á precaria situación económica da familia, comezou a impartir clases de piano coas que puido manter á familia. miniatura|Falla coñeceu a Felip Pedrell en 1901 en Madrid. Este foi unha grande influencia para o compositor gaditano, xa que espertou nel o interese polo flamenco e, en especial, polo cante jondo.GAMBOA, José Manuel, Felipe (1992). “Felipe Pedrell, Las voces del Pueblo”. La Caña. Revista de Flamenco (Asociación España Abierta) (4): pp. 52-54. Ata ese momento, Falla só compuxera obras para piano e música de cámara. En torno ao ano 1900 escribiu a súa primeira zarzuela, forma musical moi de moda nese momento en España, La Juana y la Petra o La casa de Tócame Roque (inspirada na popular casa madrileña). Non chegou a estrearse e a súa música perdeuse, aínda que nos seus cadernos o compositor sinalou que constaba de cinco números musicais. En 1901 coñeceu a Felip Pedrell, quen tería notable influencia na súa posterior carreira, xa que espertou nel o interese polo flamenco e, en especial, polo cante jondo. Pedrell impartía clases no Conservatorio e o Ateneo. Melquiades Almagro, un rico amigo de Falla, pagou as leccións que recibiu de Pedrell. Ese ano Falla tamén compuxo obras como Cortejo de gnomos e Serenata, ambas para piano. O 12 de abril de 1902 estreou, no Teatro Cómico de Madrid, Los amores de la Inés, a única das súas zarzuelas que se representou, e tivo vinte representacións realizadas pola compañía de Loreto Prado e Enrique Chicote. Ese mesmo ano coñeceu a Joaquín Turina e Federico Chueca, que axudou e apoiou as súas zarzuelas, e a Sociedade de Autores publicou Vals-Capricho e Serenata andaluza. Entre 1901 e 1902, escribiu Limosna de amor, con libreto de José Jackson Veyán, outra zarzuela que non se representou.
O ano seguinte compuxo Allegro de concerto, e presentouno ao concurso convocado polo Conservatorio de Madrid, que finalmente gañou Enrique Granados, e a Sociedade de Autores publicou as obras Tus ojillos negros e Nocturno. Ese mesmo ano, comezou a súa colaboración con Amadeo Vives nas zarzuelas Prisionero de guerra, El cornetín de órdenes e La cruz de Malta, das que só se conservan algúns fragmentos. Os anos de estudo na capital española culminaron coa composición, en 1904, da ópera La vida breve, en colaboración con Carlos Fernández Shaw, que se fixo acredora do primeiro premio dun concurso convocado pola Real Academia de Belas Artes de San Fernando o ano seguinte. Aínda que as bases do concurso estipulaban que o traballo gañador debía representarse no Teatro Real de Madrid, Falla tivo de esperar oito anos para dar a coñecer a súa partitura, non en Madrid, senón en Niza (Francia). Dado de que non coñecía aínda Granada, a cidade na que se ambienta esta ópera, Falla pediu información ao seu amigo Antonio Arango. Desta época son os Cantares de Nochebuena. En abril de 1905 obtivo o premio de piano nun concurso convocado pola firma Ortiz y Cussó. Nesa época, sentiuse fortemente atraído pola súa prima María Prieto Ledesma e a última referencia a este asunto está datada o 14 de novembro de 1905.
Etapa parisiense miniatura|esquerda|Claude Debussy axudou a Falla durante a súa estadía en París e introduciuno nos círculos musicais da cidade.