miniatura|O paseo de Andalucía ou A bela e os embozados, obra pintada por Goya en 1777, dentro da serie costumisma dos cartóns para tapices. O costumismo é o termo co que se alude a un tipo de creación literaria desenvolta na España do século XIX, sobre todo entre 1830 e 1850, e máis especificamente ao chamado o “artigo de costumes”, texto breve que tiña por obxecto o retrato filosófico, festivo ou satírico dos costumes populares do seu tempo, nunha peculiar fusión entre o ensaio e o conto caracterizada por unha mínima acción, pola escaseza do diálogo e polo seu descritivismo. Porén, o costumismo esténdese a todas as artes, podendo falar de pintura, relatos ou novelas costumistas, sendo o folclore a miúdo unha forma de costumismo.
O costumismo ten unha consideración transversal ao longo da historia da arte, malia que a tendencia é a falar de costumismo especialmente relacionado cos autores a partir do século XIX. Entre estes autores están Larra ou Mesonero, que foron os que consolidaron o xénero nas revistas do seu tempo. Este tipo de artigos irán evolucionando desde a pintura de ambientes e espazos (escenas) até tipos representativos do grupo social ao que pertencen.
Historia do costumismo A partir da publicación en 1843-44 de Los españoles pintados por sí mismos (inmediatamente posterior á de Les Français peints par eux mêmes e Heads of the People, or Portraits of the English), obra en que se pretendía ofrecer unha descrición dos tipos e costumes máis característicos da nación e das súas diferentes rexións, este tipo de literatura, que vencéllase á reacción contra o irrealismo romántico e ao afán por preservar o típico nacional que xulgaban, corría o risco de desaparición. Non obstante, a crítica aprecia no costumismo madrileño un desinterese e menosprezo polo de fóra, o que provocaría como reacción un costumismo de corte rexional que trataría de describir as propias tradicións (especialmente prolíficos serían o andaluz, o cántabro, e o leonés) e que medra no clima de toma de conciencia das identidades diferenciais que se producen por volta da metade do século.
Despois da participación do compostelán Antonio Neira de Mosquera en Los españoles pintados por sí mismos cun texto sobre “El gaiteiro gallego”, sería a madrileña sociedade Galicia Literaria a que se empeñaría en desenvolver un dos proxectos semellante aos anteditos, titulado Los gallegos pintados por sí mismos. Sería Victorino Novo, un dos membros da sociedade que máis activamente apoiara a idea, quen dalgún xeito a retomaría, preparando unha colección de artigos que constituísen unha descrición de tipos da terra. Aparentemente publicada entre 1883 e 1887 en El correo gallego de Ferrol co título Álbum de Galicia. Tipos, costumbres y leyendas inclúe varios dos cadros escritos polos seus autores para formar parte do proxecto fundacional de Galicia Literaria, entre eles, os de Lamas Carvajal ou Xesús Muruais.
No tocante a unha influencia foránea no espallamento dunha estética costumista en Galicia fala o papel protagonista que Antonio Trueba, recoñecido pola crítica como un importante escritor costumista (ademais de prologuista das Escenas montañosas de Pereda). O seu Libro de cantares (1842), que consolidou no ámbito peninsular a temática folclórica e as formas líricas populares, sería a inspiración directa de Rosalía de Castro nos Cantares gallegos, tal e como a escritora confesa no seu prólogo a esta obra.
A literatura costumista foi unha importante escola de aprendizaxe para os iniciadores da novela realista do século XIX, coa que ás veces se confunde. En Galicia o modelo estético costumista asumiría tamén a función de defensa dos valores tradicionais ante o avance alienante da modernidade. Así mentres que Lamas Carvajal en Gallegada permanecía fiel ao modelo costumista coa vontade de conservar os costumes galegos máis enxebres, Pérez Placer intentaría renovar ese modelo con apuntamentos naturalistas e impresionistas, mais sería Álvarez de Nóvoa quen definitivamente o superase coa nova sensibilidade dos contos de Pé das Burgas. Na novela decimonónica hai unha influencia costumista e importante no folletín en obras como ¡A Besta! ou nos contos de Labarta Posse, iniciándose unha liña de continuidade que chegará até os nosos días, centrada no ruralismo, por medio de autores como Lesta Meis ou García Barros na narrativa ou Varela Buxán no teatro.
Dándolle ao termo “costumismo” un valor máis xeral, aplicábel a aquelas obras nas que na acción é mínima e cobra protagonismo a descrición de tipos e escenas. É posíbel detectar a súa pegada en autores como Pintos Villar, Añón, José Benito Amado Boullosa, Luís González López, Juán Bautista Armada y Losada ou Losada Astray, e mesmo nas novelas históricas de López Ferreiro.
Variedades de costumismo
A escola Rosaliana A temática costumista aparece nun considerable número de composicións en que predominan a descrición e a narración para presentar crenzas, romarías, devocións ou personaxes característicos da cultura popular galega que Rosalía defendía fronte aos estereotipos colonizadores. Ademais, os poemas de temática folclórico-etnográfica conforman o grupo máis numeroso, coa intención de reflectir a idiosincrasia do pobo galego. Hai poemas costumistas pero tamén poemas de amor.
Cantares gallegos creou unha “escola poética”. Varios autores continuaron o camiño de Rosalía e comezaron a destacar a beleza da paisaxe galega, os costumes galegos e a solidarización coas loitas dos labregos e das mulleres.
Tratan temas como a emigración e empregan as cantigas populares. Algúns destes autores deixaron o sentido dignificador e reivindicativo de Rosalía, como por exemplo o ourensán Valentín Lamas Carvajal, quen fundou un dos primeiros xornais escritos en galego. Escribiu O Tío Marcos da Portela e colaborou noutros como El Heraldo Gallego e El Eco de Orense, desde os cales polemizou con outros autores (Murguía, Álvarez de Nóvoa...). Escribe Espiñas, follas e frores, Saudades gallegas e A musa das aldeas. Tamén é autor do volume Dez cartas aos gallegos e do libro de relatos Gallegada. Pero a súa obra cume é o Catecismo da doutrina labrega, editado por entregas en 1888 no xornal O Tío Marcos da Portela. Este trátase dun libro anticaciquil, mais non anticlerical. Parodia as preguntas e respostas do catecismo católico do Padre Astete e, recorrendo ao humor tráxico, Lamas reflicte a situación de miseria que padece o campesiñado galego. Foi durante moito tempo o libro de maior difusión popular e mais as veces reeditado da literatura galega (até 13 edicións en vida do autor).
Destacan dúas mulleres escritoras: a ourensá Filomena Dato Muruais, autora do volume Follatos, e a coruñesa Francisca Herrera Garrido, autora dos libros Sorrisas e bágoas, Almas de muller... ¡Volallas na luz! e Frores do noso paxareco. Esta última foi a primeira muller designada académica e a primeira en escribir en galego unha novela longa (Néveda) e ensaio (A muller galega, publicado na revista Nós).
Outra achega da poesía rosaliana é a saudade. Rosalía expón unha saudade que a está matando, unha saudade cargada de sensibilidade constante na súa poesía. A saudade debe de ser entendida como a clave de moitos dos poemas da autora aínda que devandito termo non apareza explícito. Relacionando a cultura Atlántica en xeral, o termo saudade presenta unha correspondencia co termo irlandés hiraeth. Ambos termos son a día de hoxe de difícil definición nas súas propias culturas inclusive, e carecen de tradución a outros idiomas como o español e o inglés.
A saudade rosaliana expresa aflición por haber perdido algo ou por separarse de algo, ademais dunha necesidade ou forte querenza por recuperalo. O apego emocional está fortemente relacionado coa patria, coa afastameto dela, mais concretamente o a dor ven dada pola separación do lugar onde naceu. Esta valoración da patria, froito da saudade, ven expresada tamén na evocación da natureza. Xa que normalmente se falan destas carencias desde unha perspectiva adulta, pódese dicir que a saudade está relacionada en moitas ocasións coa perda da xuventude. Esta perda da xuventude pode relacionarse coa neurose de Freud. No momento en que Freud afirma que todas as persoas son neuróticas, no sentido de que todo ser humano perdeu o idílico da infancia e ansía recuperalo na súa totalidade, a saudade é parte deste neurismo en tanto que consiste na memoria da patria e do pasado.
Vida Gallega Vida Gallega apareceu co carácter de "ilustración regional" e co afán de dotar a Galicia dunha revista gráfica de prestixio e calidade. As súas páxinas centrais impresas en ocogravado foron unha crónica do acontecer diario da vida galega, con abundante material gráfico, especialmente do propio Jaime Solá, e de Xosé Gil, o seu primeiro director artístico. Colaboraron tamén os máis sinalados fotógrafos das cidades, retratistas das vilas e afeccionados á fotografía. Na revista apareceron os máis importantes acontecementos sociais e políticos que se sucederon en Galicia e nas comunidades de emigrantes galegos (Portugal, Madrid, Suramérica). Entre os seus colaboradores estiveron Roberto Padín Rodríguez cos seus debuxos (foi subdirector entre 1924 e 1927) e Manuel Lustres Rivas.
Tivo unha segunda época entre 1954 e 1963 cando Xosé Iglesias Presa adquire a revista. Nesta etapa editáronse 77 números e estivo dirixida por Fabriciano Fernández Serra. A fins de 1956 a sede trasladouse á cidade de Lugo. miniatura|Antonio Noriega Varela, unha das figuras máis representivas do costumismo galego Destácase o seu galeguismo: Vida Gallega viviu, páxina a páxina, a protohistoria do nacionalismo galego, o nacemento das Irmandades da Fala, a constitución do Partido Galeguista, a República e o estoupido da Guerra Civil. De todo isto non ía saír indemne. Acolleu a toda a intelectualidade do momento. Firmas como Murguía, Cabanillas, Pardo Bazán, Fernández Flórez, Sofía Casanova, Noriega Varela, ey Soto etc., e ilustradores do talle de Castelao, Álvaro Cebreiro, Eduardo Padín… Mais axiña iniciou un distanciamento fronte aos novos movementos que, dende a política e xa na segunda década do século, comezaban a artellar xa un marco propio de decisións para o país, e en galego. Justo Beramendi, no seu recente e premiado volume De provincia a nación (Xerais, 2008) define a ideoloxía desta publicación como “rexionalismo ortodoxo”. O historiador e intelectual Marcos Valcárcel explica, pola súa banda e deste xeito, as relacións de Vida Gallega cos galeguistas:
As Irmandades da Fala As Irmandades da Fala foi unha organización activa desde o ano 1916 até o ano 1931.
No ámbito da literatura, destaca fundamentalmente a diferenza entre Noriega Varela e Ramón Cabanillas. Ademais, existía unha confrontación entre os autores influenciados polas vangardas e aqueles que mantiñan unha forma de facer poesía máis tradicional.
No que respecta á narrativa, comeza a haber un apoio institucional e a temática que abarca correspóndese á representación de ambientes urbanos ou vilegos, sobre o sentimento da terra (Vicente Risco), o humor macabro, a cultura popular, o celtismo etc.
Tiña como obxectivo entreter e galeguizar. Para a súa promoción celebrouse o concurso ANT (1918) para pequenas novelas.
O teatro é un xénero que non ten tradición nin antecedentes, como tampouco público, compañías, formación actoral, crítica, tradución etc. Entre as súas dificultades estaba a confrontación co cinema e tiña como obxectivo a formación galeguista das masas.
Para a súa promoción creáronse os concursos das Irmandades da Fala na Coruña (1918), en Betanzos (1919) e a Festa da Lingua (Santiago de Compostela, 1924) que era unha de redacción de obras teatrais.