250px|miniatura|dereita|Unha esvástica nazi, dobrada no sentido dos punteiros do reloxo. O nazismo, formalmente nacionalsocialismo (en alemán, Nationalsozialismus), foi unha ideoloxía e movemento ultranacionalista, revolucionario e totalitario liderado por Adolf Hitler e polo Partido Nacionalsocialista Obreiro Alemán (NSDAP), que impuxo unha ditadura dun partido único en Alemaña desde 1933 ata 1945. Ao rexeitar a democracia liberal, o internacionalismo marxista e o individualismo, promoveu unha Volksgemeinschaft (comunidade do pobo) definida racialmente baixo a autoridade absoluta do Führer, combinando un nacionalismo xerárquico cunha economía dirixida polo Estado, centrada na autarquía, no rearmamento e nun colectivismo delimitado pola raza.

Centrado na suposta superioridade racial aria, nun antisemitismo virulento que presentaba os xudeus como unha ameaza existencial, na euxénese e na expansión territorial (Lebensraum), o réxime levou a cabo políticas de hixiene racial que escalaron ata o exterminio, acadou unha rápida recuperación económica mediante obras públicas e gasto deficitario, reprimiu a disidencia a través da propaganda e do terror, e desencadeou a segunda guerra mundial coas súas invasións a partir de 1939, culminando co Holocausto, no que foron asasinados seis millóns de xudeus e millóns doutras persoas consideradas inferiores.

Teoría ideolóxica De acordo con "Mein Kampf" (A miña loita), Hitler desenvolveu as súas teorías políticas pola observación coidadosa das políticas do Imperio Austrohúngaro. Naceu como cidadán do Imperio e acreditaba que a súa diversidade étnica e lingüística o enfraquecera. Tamén vía a democracia como unha forza desestabilizadora, porque colocaba o poder nas mans das minorías étnicas, que tiñan o obxectivo de debilitar e desestabilizar máis o Imperio.

O centro da ideoloxía nacionalsocialista é o termo raza. A teoría nazi di que a raza aria é unha "raza mestra", superior a todas as outras, e xustifica esta crenza da seguinte maneira:

O nacionalsocialismo di que unha nación é a máxima creación dunha raza. Consecuentemente, as grandes nacións serían a creación de grandes razas. A teoría di que as grandes nacións nacen do poderío militar e que este, á súa vez, se orixina en culturas racionais e civilizadas, que, tamén á súa vez, son creadas por razas con boa saúde natural e trazos agresivos, intelixentes e coraxosos.

As nacións máis débiles, para os nazis, son aquelas creadas por razas impuras, mulatas, porque teñen culturas divididas, briguentas e, polo tanto, débiles.

De acordo cos nazis, un erro obvio deste tipo é permitir ou estimular linguas distintas dentro dunha nación, o cal é un motivo polo que os nazis promoveron os idiomas xermánicos e celtas en nacións inimigas como Francia co obxectivo de debilitalas. Esta crenza é, tamén, a razón pola cal os nazis alemáns estaban tan preocupados coa unificación dos territorios dos pobos de lingua alemá e pola que reprimiron fortemente linguas como, por exemplo, o luxemburgués en territorios ocupados.

Nacións incapaces de defender as súas fronteiras, dicían, serían a creación de razas débiles ou escravas. Pensábase que as razas escravas eran menos dignas de existir do que as razas mestras. En particular, pensábase que se unha raza mestra necesitaba espazo para vivir (Lebensraum), tiña o dereito de tomar o territorio e matar ou escravizar ás "razas escravas" indíxenas.

As razas sen patria eran, polo tanto, consideradas "razas parasitas". Canto máis ricos fosen os membros da "raza parasita" máis virulento sería o parasitismo. Unha raza mestra podía, polo tanto, de acordo coa doutrina nazi, endereitarse facilmente pola eliminación das "razas parasitas" da súa patria.

Foi esta a xustificación teórica para a opresión e eliminación dos xudeus e dos xitanos, un deber que moitos nazis (curiosamente) consideraban repugnante.

As relixións que recoñecesen e ensinasen estas "verdades" eran as relixións "verdadeiras" ou "mestras" porque creaban liderados por evitaren as "mentiras reconfortantes". As que proclamaban o amor e a tolerancia, "en contradición cos feitos", eran chamadas relixións "escravas" ou "falsas".

Os homes que aceptasen estas "verdades" eran chamados "líderes naturais"; os que as rexeitasen eran chamados "escravos naturais". Dicíase dos escravos, especialmente dos intelixentes, que contaminaban os mestres coa promoción de falsas doutrinas relixiosas e políticas.

Aínda que a raza fose crucial na mundovisión nazi, non o era todo. As raíces ideolóxicas do nazismo ían un pouco máis fondo que iso, visto que os nazis procuraron lexitimación en obras anteriores, particularmente nunha lectura, por moitos considerada no mínimo discutible, da tradición romántica do século XIX, e en especial do pensamento de Friedrich Nietzsche sobre o desenvolvemento do home en dirección ao Übermensch.

No seu libro de 1939, Alemaña: Jekyll & Hyde, Sebastian Haffner chama ao nazismo "unha primeira (autónoma e nova) forma de Nihilismo radical, que nega simultaneamente todos os valores, sexan valores capitalistas e burgueses ou sexan proletarios".

Nazismo e romantismo

De acordo con Bertrand Russell, o nazismo provén dunha tradición diferente do capitalismo liberal ou do comunismo, senón que provén directamente da tradición filosófica alemá. E por iso, para entender os valores do nazismo, é necesario explorar esta ligazón, sen trivializar o movemento tal coma era no seu auxe, nos anos 30, e descartalo como pouco máis que racismo.

Moitos historiadores sosteñen que o elemento antisemítico, que non existe nos movementos irmáns do nazismo (os fascismos de Italia e España), foi adoptado por Hitler para obter popularidade para o seu movemento, aproveitando o preconcepto antisemita era moi común nas masas do Imperio Alemán. Por iso, dise que a aceptación das masas dependía do antisemitismo e da exaltación do orgullo alemán, ferido coa derrota na primeira guerra mundial.

Outros, pola contra, como o filólogo Victor Klemperer, aseguran que as orixes e os valores do nazismo proveñen da tradición irracionalista do movemento romántico do inicio do século XIX. Os nazis valoraban a forza, a paixón, a falta de hipocrisía, o utilitarismo, os valores tradicionais da familia e a devoción á comunidade.

O nazismo e o Imperio Británico

Hitler admiraba o Imperio Británico. Os intelectuais británicos desenvolveron teorías racistas no século XIX para controlar o pobo indiano e outros "salvaxes", e os nazis copiaron moitos destes métodos.

De forma semellante, na súa xuventude Hitler tamén admirou bastante os Estados Unidos de América. En Mein Kampf, louvou os Estados Unidos polas súas leis antiinmigración. De acordo con Hitler, os EUA eran unha nación exitosa porque se mantiñan "puros" de "razas inferiores". Porén, á medida que a guerra se aproximaba, a súa opinión dos Estados Unidos empeorou e comezou a acreditar que Alemaña conseguiría unha vitoria fácil sobre os EUA precisamente porque este país, na súa nova maneira de ver, se tiña tornado unha nación mestiza.

Teoría económica

A teoría económica nazi preocupouse cos asuntos domésticos inmediatos e, en separado, coas concepcións ideolóxicas da economía internacional.

A política económica doméstica concentrouse en tres obxectivos principais:

eliminación do desemprego eliminación da hiperinflación expansión da produción de bens de consumo para mellorar o nivel de vida das clases media e baixa.

Todos estes obxectivos pretendían contrariar aquilo que era visto como os defectos da República de Weimar e para fortalecer o apoio doméstico ao partido. Nisto, os nazis foron bastante ben sucedidos. Entre 1933 e 1936 o PIB alemán creceu a unha taxa media anual de 9,5 por cento, e a taxa de crecemento da industria foi de 17,2 por cento. Moitos economistas, porén, afirman que a expansión da economía alemá nese período non foi resultado da acción do partido nazi, senón unha consecuencia das políticas económicas dos últimos anos da República de Weimar que comezaron entón a ter efecto.

En calquera caso, existen dúbidas sobre se a economía realmente creceu ou se só se recuperou da depresión porque os salarios na Alemaña nazi de 1939 eran un pouco menores que os salarios na Alemaña de 1929.

Alén diso, tamén é certo que aínda que sexa crenza xeneralizada que os nazis puxeron fin á hiperinflación, en realidade iso precedeu aos nazis en varios anos.

Esta expansión empurrou a economía alemá fóra dunha profunda depresión e o pleno emprego en menos de catro anos. O consumo público durante o mesmo período aumentou 18,7%, en tanto que o consumo privado aumentou o 3,6% anualmente. Porén, e unha vez que a produción era máis consumidora que produtora (a elaboración de proxectos de traballo, a expansión da máquina de guerra, a iniciación do recrutamento para retirar homes en idade produtiva do mercado de traballo), as presións inflacionistas reapareceron, aínda que non chegaran aos extremos da República de Weimar. Estas presións económicas, combinadas coa máquina de guerra cuada durante a expansión (e as concomitantes presións para o seu uso), levou a algúns expertos á conclusión de que bastaban esas razóns para tornar unha guerra europea inevitable. Dito doutra forma, sen unha nova guerra europea que soportase esta política económica consumista e inflacionaria, o programa económico doméstico nazi era insustentable. Isto non significa que as consideracións políticas non tivesen maior peso no desencadeamento da segunda guerra mundial. Significa só que a economía foi e continua a ser un dos principais factores de motivación para calquera sociedade que vai á guerra.

O partido nazi acreditaba que un complot da banca internacional estivo detrás da depresión global dos anos 30. O control desta complot foi identificado co grupo étnico formado polos xudeus, o que forneceu outra ligazón á súa motivación ideolóxica para a destrución dese grupo no holocausto. Porén, e dunha maneira xeral, a existencia de grandes organizacións internacionais da banca e de banca mercantil era ben coñecida neste tempo. Moitas desas institucións bancarias eran capaces de exercer presións sobre os estados-nacións a través da concesión ou da retención de créditos. Esta influencia non se limita aos pequenos estados que precederon á creación do Imperio Alemán en tanto estado-nación na década de 1870, mais xorde nas historias de todas as potencias europeas desde 1500. En realidade, algunhas corporacións transnacionais do período entre 1500 e 1800 (a Compañía Holandesa das Indias Orientais é un bo exemplo) foron creadas especificamente para entrar en guerras en lugar dos gobernos, e non ao revés.

Usando unha nomenclatura moderna, aínda que facelo poida ser algo discutible, é posible dicir que o partido nazi estaba contra o poder das corporacións transnacionais, que consideraba excesivo en relación ao dos estados-nación. Aínda que por motivos por veces opostos, esta posición anticorporativa é compartida por moitas forzas políticas desde a esquerda e centro-esquerda, ata a extrema dereita.

É importante facer notar que a concepción nazi da economía internacional era moi limitada. A principal motivación do partido era incorporar no Reich recursos que anteriormente non formaban parte del, pola forza e non a través do comercio. Isto fixo da teoría económica internacional un factor de soporte da ideoloxía política en vez dunha trabe mestra da plataforma política, como na maioría dos partidos políticos modernos.