Gyula Alberty Kyscely, nado en Debrecen o 4 de xuño de 1911 e finado en Granada o 9 de abril de 1942, foi un futbolista húngaro que xogaba de gardameta. Desenvolveu case toda a súa carreira deportiva en España, onde gozou de gran popularidade. Gañou a Copa do Presidente da República de 1936 co Real Madrid e disputou a final de 1939 co Racing de Ferrol. Xogou tamén no Real Uníon, no Celta de Vigo e no Granada, falecendo mentres militaba neste último, con só 30 anos.

Traxectoria

Comezos e Madrid FC Despois de xogar en equipos do seu país natal como o Attila e o Bocskai, en febreiro de 1935 fichou polo Real Madrid, chamado naquel entón Madrid FC, equipo que se fixara nel nun partido de homenaxe a Ricardo Zamora que o equipo branco disputara contra unha selección húngara. Chegou a Madrid como relevo do propio Zamora, que tiña xa 34 anos, e converteuse no primeiro estranxeiro do club dende a chegada do fútbol profesional. Debutou nun encontro da Primeira División fronte ao Athletic Club no antigo campo de Chamartín e militou dúas tempadas no equipo branco, compartindo portería con Ricardo Zamora e conquistando a Copa do Presidente da República de 1936.

Guerra civil e Racing de Ferrol Durante a Guerra Civil marchou a Normandía, onde xogou co Le Havre na segunda división francesa. En 1938 regresou a España, onde fichou polo Real Unión de Irún. En novembro dese ano viaxou co equipo a Ferrol para xogar contra o Racing de Ferrol no Trofeo Jabones Beceiro, e quedou na cidade departamental, para disputar nas filas do Racing a chamada "batalla dos lacóns" contra o Deportivo da Coruña, unha serie de partidos amigables para recadar fondos e enviar lacóns á fronte de guerra. Disputou a ida en Riazor e a volta no Inferniño, e a continuación regresou a Irún.

Volveu a Ferrol en marzo, para fichar polo club verde e disputar a Copa do Xeneralísimo de 1939. O cadro ferrolán reforzouse ese ano con importantes futbolistas como Edelmiro II, Caliche ou os internacionais Bertolí e Gallart. Con Alberty na portería, o Racing eliminou á Real Sociedad e ao Barakaldo, acadando a final. Esta disputouse o 25 de xuño de 1939 contra o Sevilla en Montjuïc, e o triunfo foi para o equipo andaluz por 6-2, cun triplete de Campanal.

Celta de Vigo En xaneiro de 1940 fichou polo Celta de Vigo, que debutaba en Primeira División. Fíxose coa titularidade dende a súa chegada, por diante de Labanda e Burdas, e disputou todos os restantes partidos da tempada, na que o equipo adestrado por Comesaña acabou salvando a categoría tras gañar cun gol de Nolete o derbi contra o Deportivo da Coruña na promoción. Xogou co Celta unha segunda tempada, na que o equipo repetiu 10º posto na liga, pero sen ter que xogar desta vez a promoción. A súa afección a comer laranxas durante os partidos, fixo que os seareiros de Balaídos comezasen a lanzarlle esas froitas ao campo.

Granada A pesar das súas boas actuacións no Celta o club deixouno en liberdade en outubro de 1941, cando aínda lle quedaban dous anos de contrato, e fichou polo Granada. Debutou cunha destacada actuación na maior goleada conseguida polo club andaluz en Primeira, un 8-0 contra o Oviedo, e participou tamén na vitoria sobre o Real Madrid por 3-1 e na goleada por 6-0 contra o FC Barcelona. Xogou un total de 14 partidos, quitándolle o posto de titular a Floro, e continuou recibindo chuvias de laranxas sobre o campo. Antes de rematar a tempada caeu enfermo, e o 9 de abril de 1942 faleceu por mor dunha febre tifoide, con só 30 anos.

Foi soterrado en Granada, nun panteón que o concello lle cedeu a perpetuidade.

Palmarés Real Madrid

Copa do Presidente da República (1): 1936.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados en 1911 Categoría:Nados no condado de Hajdú-Bihar Categoría:Finados en 1942 Categoría:Futbolistas de Hungría Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Xogadores do Real Unión Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do Granada CF Categoría:Personalidades sen imaxes