Santa María de Troitosende (coñecida na contorna como A Ribeira) é unha parroquia do concello da Baña, na comarca da Barcala. Segundo o IGE, en 2025 tiña 206 habitantes (108 homes e 98 mulleres).Ten 8 entidades de poboación.

Trátase da parroquia máis oriental da Baña, separada do núcleo do concello polo monte Santa Mariña. Sitúase á beira do río Tambre, que fai de límite cos concellos de Ames e Val do Dubra. Antes de facer a ponte entre Portochán e Ames, a xente da parroquia atravesaba nunha barca o Tambre, establecendo vínculos sociais e económicos coas poboacións veciñas. Historicamente vinculada ao agro e á gandaría, na actualidade a súa poboación compaxina estas actividades con outros sectores.

Toponimia O topónimo Troitosende aparece documentado historicamente baixo distintas formas gráficas. Na documentación medieval aparece como Troytosende, forma rexistrada en 1425 e 1474 no Corpus Xelmírez; posteriormente, a partir do século XVI, documéntase tamén a forma Troitosende, que é a que acabou consolidándose na actualidade.

Segundo Fernando Cabeza Quiles, Troitosende procede de (villa) Tructesindi, a partir do antropónimo medieval de orixe xermánica Tructesindus. Trataríase, polo tanto, dun topónimo de carácter antroponímico, formado a partir do nome do antigo posesor do lugar.

Desde o punto de vista lingüístico, o elemento final -sende encádrase nun conxunto de topónimos presentes en Galicia que teñen sido relacionados coa antroponimia de orixe xermánica da Alta Idade Media, frecuente na formación de nomes de lugar a partir de xenitivos de nomes persoais.

Historia Prehistoria e idade de ferro Da Idade de Ferro permanecen as dúas mámoas de Salgueiróns e as dúas mámoas do Monte da Medorra en Bugalleira. Tamén existiu un castro entre Portochán e Vilacova denominado Castro de Troitosende, en mal estado de conservación pero de grande importancia debido á cantidade e calidade de materiais arqueolóxicos recuperados.

Época romana Da época romana hai tres sitios arqueolóxicos descubertos: o de Vilela, o de Mouzón e o de Bugalleiras, onde se atopou abundante material cerámico romano, varias fosas escavadas, unha lápida e unha tumba.miniatura|dereita|Lápida de Ursino.|302x302pxA Estela de Troitosende, atopada na Eira dos Mouros en 1908 por Óscar Lojo Batalla, ten un tamaño de 142 cm de alto e 40 cm de ancho. Talada en granito, está decorada por unha soa cara con dúas barras e un extremo superior rematado por unha cabeza discoidea na que se aprecian dous ollos, un nariz e unha boca. Non existe consenso sobre a súa adscrición cronolóxica. Atópase no Museo de Pontevedra. A Estela de Vilacova, atopada nos Castros en 1979. Ten unha inscrición en latín que di o seguinte: "Aos deuses Manes. Púxoo Co[...] Fronto, de 44 anos". Decorada orixinalmente cunha serie de arcos, na actualidade só se conserva a parte inferior na casa dun veciño do lugar.

A Lápida de Ursino, atopada no lugar de Vilela, consérvase incompleta debido a que foi rebaixada nun lateral. Segundo as investigacións realizadas, podería tratarse dunha prancha funeraria adicada por un pai a un fillo. Posúe unha inscrición talada en latín que di o seguinte: "Consagrado aos deuses Manes. Para o liberto Publius M[...] Ursus, de 30 anos". Consérvase no Museo do Castelo de Santo Antón.

Idade Moderna A través do Catastro de Ensenada de 1753, pode calcularse que a parroquia contaba con arredor de 280 habitantes distribuídos en 67 casas a mediados do século XVIII. Neste documento, faise xa alusión a unha economía baseada fundamentalmente na agricultura e na gandaría.

O catastro constitúe unha fonte relevante para o coñecemento da estrutura social da parroquia no século XVIII, ao recoller os nomes e apelidos dos seus veciños, o que permite analizar a organización demográfica da época e a continuidade de determinadas familias ao longo do tempo na documentación histórica posterior.

A igrexa parroquial de Santa María de Troitosende, de orixe medieval e con elementos románicos conservados, aparece xa consolidada como centro relixioso da parroquia nesta época, iniciando un proceso de reformas que se desenvolvería nos séculos posteriores.

Século XIX A mediados do século XIX, Pascual Madoz describe Troitosende no seu Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar como unha freguesía do concello da Baña situada na marxe dereita do río Tambre. Menciona os lugares de Menlle, Portochán, Quintáns, Troitosende, Vilacova e Vilela, así como un total de 63 casas.

Segundo esta descrición, a parroquia presentaba un clima temperado e húmido e un terreo de boa calidade aínda que escasamente arborado. A economía baseábase na agricultura e na gandaría, con cultivos de millo, centeo, trigo, patacas, legumes, liño, hortalizas e froita. Existían muíños fariñeiros e unha rede de camiños locais en mal estado, recibíndose o correo dende Negreira.

Demografía En 2025 tiña 206 habitantes distribuídos polas súas 8 aldeas. Nos últimos 25 anos, a súa poboación diminuíu un 35% (no 2001 tiña 317 habitantes). En 1929 tiña 384 habitantes de dereito, o que supón unha perda de poboación de case o 50% nun século.

Evolución demográfica de Troitosende para o período 2001-2025:

Poboación por aldea Dentro de Troitosende, existen diferenzas entre o volume poboacional das distintas aldeas. A área de Menlle, subdividida en Menlle de Arriba e Menlle de Abaixo, concentra case o 30% da poboación da parroquia. Nas inmediacións da igrexa parroquial (Troitosende e Quintáns) reside unha cuarta parte da poboación, mentres que as aldeas de Vilacova e Portochán mantéñense con algo máis de 30 habitantes. +Habitantes por entidade de poboación (2025)AldeaHabitantesHomesMulleresMenlle de Abaixo1385Menlle de Arriba472819Portochán321715Quintáns291514Troitosende261214Vilacova351520Vilela241311

A aldea de Bugalleira non aparece recoñecida como entidade de poboación polo INE. Os seus habitantes aparecen incluídos nos datos de Menlle de Arriba.

Poboación segundo idade A poboación de Troitosende presenta en 2025 un perfil envellecido: o 41,3 % ten máis de 65 anos, mentres que só o 7,3 % é menor de 16. Esta estrutura demográfica é característica de moitas parroquias rurais da zona, cunha elevada proporción de poboación maior. A distribución por sexo amosa un lixeiro predominio de homes, con 108 fronte a 98 mulleres.

En conxunto, os datos amosan unha estrutura demográfica con maior peso da poboación en idade avanzada e unha reducida presenza de poboación infantil e xuvenil. Isto vén asociado a procesos xerais de envellecemento demográfico, como a baixa natalidade e a emigración da poboación máis nova cara núcleos urbanos.

Infraestrutura civil A estrada Portomouro–Negreira, cunha lonxitude de algo máis de 13 km, atravesa a parroquia. Finalizada o 10 de febreiro de 1963, esta estrada deu resposta ao desexo da veciñanza de Troitosende de contar cunha infraestrutura civil que vertebrase a parroquia e facilitase as comunicacións con Negreira e Portomouro.

O trazado da vía proxectouse en 1886 como parte dunha estrada Negreira–Portomouro–Ordes que nunca chegou a completarse. O descontento da veciñanza reflíctese en crónicas da segunda metade do século XX, nas que se dá conta da organización veciñal de parroquias como Troitosende e Fiopáns, que derivou nunha viaxe á Coruña para dar a coñecer ás autoridades provinciais as súas demandas.

Antigamente, a parroquia cruzaba o Tambre en barca para establecer comunicacións coas aldeas veciñas. Co fin de superar este obstáculo hidrográfico, no século XX construíuse unha ponte para comunicar Portochán coas aldeas de Piñeiro, sufragada polos concellos da Baña e Ames. A comezos do século XXI, chegou a construírse unha ponte colgante entre Vilacova e as proximidades de Oca que foi derrubada pola forza dunha riada.

En 1965 inaugurouse a escola parroquial no lugar de Troitosende. A súa posta en funcionamento formou parte do proceso de mellora dos servizos educativos na contorna. Co paso do tempo e a concentración do ensino noutros núcleos, o edificio deixou de ter uso docente e pasou a empregarse como local social da parroquia.

Patrimonio cultural Igrexa de Santa María de Troitosende miniatura|Igrexa de Santa María de Troitosende (A Baña).|dereita|335x335px A actual igrexa parroquial construíuse entre os séculos XII e XX, pasando por numerosas fases e estilos que conforman o seu actual aspecto. Aínda que as súas orixes atópanse no románico, desta etapa consérvase o muro sur da capela maior, no cal aínda se poden apreciar o beiril e unha serie de canzorros variados característicos deste estilo. Tamén se conserva o caño da fonte da igrexa, con forma de recipiente e que ten tallado na parte inferior o que puidera ser unha gorgona.

A comezos do XVIII construíronse a capela de San Xosé, inaugurada en 1707 polo cura Andrés de Chentre y Vaamonde, e o primeiro tramo da nave. No 1763 acometeuse a renovación da capela maior e a execución da bóveda e a sancristía, intervencións que se inscriben no estilo barroco. Xa nas décadas posteriores elevouse a sancristía, completouse a nave e levantouse a fachada actual coa súa espadana, na que se combinan elementos neoclásicos e barrocos. Esta grande evolución do último terzo do século XVIII produciuse da man do cura Juan Antonio Luaces, o cal lle encargou a obra ao mestre canteiro Benito Pazos. Xa no século XX, realizáronse as bóvedas da nave e da capela de San Xosé (1953), así como o coro alto (1965).

Ten nave de planta rectangular, con muros de cadeirado de granito e cuberta a unha e dúas augas con tellado de tella. A fachada é de cadeirado de granito, con portada enmarcada por dúas pilastras encaixadas con basas toscanas e capiteis dóricos. Por riba vai un entaboado, unha cornixa e unha fiestra decorada con placas semicirculares. A sancristía está acaroada ao muro norte. A espadana é cuadrangular, con tres machóns sobre os que voltean dous arcos de medio punto laterais. No centro hai dous machóns cun arco de medio punto e un pináculo rematado por unha cruz metálica. Ten un pequeno retablo nunha capela e varias imaxes.

No exterior, a igrexa conta cunha escalinata que estaría inspirada na da catedral de Santiago de Compostela. Construída arredor de 1945 mediante proxecto do médico negreirés Victoriano Fabeiro, representa, en palabras de Cardeso Liñares, o triunfalismo e o historicismo preponderantes. A poucos metros atópase o cemiterio da parroquia, que conta cunha parte orixinal que data do século XIX e unha ampliación realizada no século XX. Nel gravouse unha escena do filme A lingua das bolboretas.

A parroquia, aínda que civilmente forma parte do concello da Baña, nunca pertenceu ao arciprestado de Barcala, senón que se encadra dentro do de Dubra.

Cruceiros miniatura|Cruceiro do adro da igrexa. Nos arredores da igrexa existen tres cruceiros catalogados como patrimonio etnográfico local pola Xunta de Galicia: o cruceiro das Rogativas (no cemiterio da parroquia), o cruceiro no adro da igrexa (a poucos metros desta) e o cruceiro no igrexario de Troitosende (no lugar coñecido popularmente como "Alto do Campanario").

Casa reitoral Completando o complexo parroquial, nas proximidades da igrexa tamén se atopa a casa reitoral, de cuxa existencia hai constancia xa a mediados do século XIX. A casa foi reformada a comezos dos anos 60 mediante unha colecta de 60.000 pesetas levada a cabo pola freguesía, coincidindo co nomeamento do ecónomo Maximino Pérez Ortoño uns meses antes.

Muíños Na parroquia hai dous muíños, actualmente en desuso: muíño do Canal de Portochán e o muíño de Mandelo. Teñen dúas pedras cada un e funcionaban aproximadamente medio ano, aproveitando a forza das augas do río Tambre. Este sistema forma parte do patrimonio hidráulico da contorna e ilustra o aproveitamento tradicional da enerxía fluvial do río Tambre na economía local.

Patrimonio natural miniatura|Carballo de Cancelos.|dereita Ruta da Ribeira do Tambre