Emilio Salgado Urtiaga, nado en Punxín o 6 de xaneiro de 1897 e finado en Madrid o 27 de xuño de 1970, foi un arquitecto e político galego. Traxectoria De neno trasladouse coa familia a Vigo onde os seus pais abriron un establecemento comercial. Realizou os estudos superiores na Escola de Arquitectura de Madrid e obtivo o título en 1923. En xaneiro de 1924 fíxose coa praza de arquitecto municipal de Pontevedra, cargo que desempeñou ata os primeiros anos da década de 1930. Como arquitecto municipal redactou un plan xeral de aliñacións e rasantes que presentou ao Concello a principios de outubro de 1926. Tamén trazou o proxecto de escalinatas e rotonda da Alameda.
Nesta época mantivo aberto un estudio de arquitectura en Vigo. Membro do Partido Radical, en outubro de 1934 foi elixido alcalde de Vigo. Durante o seu mandato impulsou a constitución do Museo de Castrelos.
No seu mandato como alcalde xurdiu na cidade unha polémica en torno ao proxecto urbanístico de Ensanche e Reforma Interior que trazara Antonio Palacios Ramilo en 1932 e fora aprobado definitivamente polo Ministerio de Traballo e Sanidade en xullo de 1934. Ante a enérxica oposición que suscitou a aprobación, Salgado foi o único técnico que mantivo o apoio ao proxecto de Palacios. Salgado foi destituído polo Gobernador civil o 28 de decembro de 1935. O Proxecto foi finalmente rexeitado pola primeira corporación xurdida da guerra civil e anulado definitivamente en 1939.
A súa obra está influenciada por Antonio Palacios, polo que sentiu unha profunda admiración.
Durante os últimos anos da súa vida residiu en Madrid.
Véxase tamén Bibliografía .
Ligazóns externas O edificio da Caixa Rural do Lérez: Un singular proxecto de Emilio Salgado Urtiaga
Categoría:Arquitectos de Galicia do século XX Categoría:Alcaldes de Vigo Categoría:Alcaldes de Galicia durante a II República Categoría:Nados en Punxín Categoría:Nados en 1897 Categoría:Finados en 1970 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes