Santa Comba de Cordeiro é unha parroquia que se localiza no concello de Valga. Segundo o IGE, en 2022 tiña 2.062 habitantes (990 homes e 1.072 mulleres), o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 2.327 habitantes.

Está situada ao pé do monte Fontebecha, a última altura significativa cara ao norte do cordal no que se atopa o Monte Xiabre.

Historia En 1028 Bermudo III doou esta vila ao bispado de Compostela. Nese momento o topónimo era Cordario. No lugar existiu un mosteiro até 1478, na súa orixe feminino e despois de cóengos.

Patrimonio Até o século XVIII existiu a Igrexa vella de Santa Comba de Louro, construción medieval sobre un templo tardorromano. Logo do seu abandono, a súa pedra foi utilizada para a construción da actual igrexa, situada 300 m máis ao norte.

A igrexa parroquial é unha colexiata de estilo barroco, rematada en 1733. Ten planta de cruz latina con bóveda de canón e cuberta a dúas augas. O cruceiro ten bóveda de aresta e cuberta a catro augas. A nave está dividida en tres tramos por arcos faixóns. No primeiro hai altares laterais con arco de medio punto, no segundo xanelas cadradas formando lunetos na bóveda, e no terceiro coro con balaustrada. A sancristía está acaroada á ábsida. A fachada ten porta alintelada moldurada, fornela con volutas, xanela rectangular, remate a dúas augas con pináculo e cruz. A torre-campanario é lateral con decoración de placas e escaleira de subida con patín sobre columnas.

Embutido na parede dunha casa particular do lugar de Beiro consérvase un panel dun baldaquino que representa o nacemento de Xesús.

No lugar de Vilar érguese un cruceiro de capela, único exemplar que se conserva nesta tipoloxía fóra da súa área de distribución, que se limita á comarca de Barbanza.

Galería de imaxes

Lugares e parroquias Lugares de Cordeiro

Parroquias de Valga

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Valga

Categoría:Parroquias de Valga Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de santa Comba