O mazarico escolopáceo ou becacina escolopácea (Limnodromus scolopaceus) é unha especie de ave limícola de mediano tamaño. O nome do xénero Limnodromus procede do grego antigo limne, 'marisma' e dromos, 'corredor'. O nome específico, scolopaceus, é de orixe neolatina, que significa 'similar á becacina', de scolopax, scolopacis.

Os adultos teñen patas amareladas e un peteiro longo e escuro. O seu corpo é marrón escuro na parte superior e avermellado na inferior coa gorxa e peito con pintas e barras nos flancos. A cola ten un patrón barrado negro e branco. A plumaxe de inverno de adultos e xuvenís é predominantemente gris.

O seu hábitat reprodutor é a tundra húmida do norte distante de Norteamérica e do leste de Siberia. Aniñan no chan, xeralmente preto da auga.

Migran ao sur dos Estados Unidos e chegan polo sur ata América Central. O mazarico escolopáceo é un raro visitante de Europa occidental, e algúns individuos permanecen en Europa durante longos períodos. Pode verse en Galicia como ave accidental moi rara.

Aliméntanse sondando co peteiro en augas pouco profundas e na lama. Comen principalmente insectos, molusocs, crustáceos e vermes mariños e algúns vexetais.

É máis probable velo preto de zonas de auga doce que o seu conxénere o mazarico cincento.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Long-billed dowitcher - Limnodromus scolopaceus - USGS Patuxent Bird Identification Infocenter

Categoría:Escolopácidos Categoría:Animais descritos en 1823