Maximiliano "Maxi" Oruste Salva, nado o 5 de xaneiro de 1994 en San Juan, é un xogador de hóckey a patins arxentino, que xoga de dianteiro no Vercelli da liga italiana.
Traxectoria Comezou no hóckey a patíns aos 3 anos no Club Loma Negra Hockey de Rivadavia (provincia de San Juan). Aos 8 anos pasou ao Club Banco Hispano, pasando por todas as categorías inferiores do club, sendo campión en todas elas, e debutando co primeiro equipo en 2012, aos 16 anos.
Chegou a Europa en 2013, incorporándose á canteira do FC Barcelona. Pasou logo por Italia, onde xogou unha tempada no Valdagno e dúas no GSH Trissino. Volveu a España na tempada 2017/18, fichando polo PAS Alcoi, onde xogou un ano, antes de fichar polo Lleida. Militou unha soa tempada no club ilerdense, gañando a Copa CERS e sendo o segundo máximo goleador da OK Liga con 27 goles en 30 partidos, só superado por Roberto di Benedetto.
No verán de 2019 fichou polo Deportivo Liceo, co que se proclamou subcampión da OK Liga, despois de que esta fose rematada antes de tempo por mor da pandemia por coronavirus. Na seguinte tempada repetiu subcampionato de liga e proclamouse campión da Copa do Rei, vencendo na final ao Barcelona. Na campaña 2021/22 gañou a Supercopa de España e participou na conquista do oitavo título de liga da historia do club, aínda que perdeu a parte final da tempada por unha lesión de pube.
No verán de 2022 deixou A Coruña para regresar a Italia, onde asinou co Vercelli.
Selección arxentina En 2011 disputou coa selección arxentina sub-20 o Campionato do Mundo Júnior en Barcelos, caendo en semifinais contra Portugal, na quenda de penaltis. Repetiu convocatoria na seguinte edición do Mundial júnior en Cartaxena de Indias, caendo de novo en semifinais, esta vez contra España, e acabando no terceiro posto final.
Palmarés
Lleida Copa CERS (1): 2017/18.
Liceo OK Liga (1): 2021/22. Copa do Rei (1): 2021. Supercopa de España (1): 2021/22.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Datos do xogador en ceroacero.es
Categoría:Nados en 1994 Categoría:Nados na provincia de San Juan Categoría:Xogadores de hóckey a patíns da Arxentina Categoría:Xogadores do H.C. Liceo Categoría:Personalidades sen imaxes