A serina protease da lectina que se une ao manano 1 tamén chamada serina protease asociada á manosa 1 (MASP-1) é un encima que nos humanos está codificado no xene MASP1 do cromosoma 3.

A MASP-1 intervén na vía da lectina do sistema do complemento e é responsable da activación de MASP-2 e MASP-3. Está tamén implicada no proceso de clivaxe das proteínas do complemento C4 e C2, en fragmentos para formar unha convertase de C3.

Función A MASP-1 é unha serina protease que funciona como un compoñente da vía da lectina de activación do complemento. O sistema do complemento é unha parte esencial das respostas inmunitarias innatas e adaptativas, xa que permite que o corpo elimine o material alleo. A MASP-1 sintetízase como un cimóxeno e é activada cando crea un complexo de proteínas con moléculas de recoñecemento de patóxeno da vía da lectina, que poden ser a lectina que se une ao manano (ou á manosa) e as ficolinas. Esta proteína está directamente implicada na activación do complemento porque a MASP-1 activa MASP-2 ao clivar (cortar un cacho) un cimóxeno MASP-2. A MASP-2 pode despois clivar C4 orixinando as proteínas C4a e C4b. A MASP-1 é tamén responsable de crear a convertase de C3 ao clivar C2 en C2b e C2a. C2a e C4b son usadas para crear a convertase de C3, un complexo que poderá despois clivar C3 en C3a e C3b. Unha variante de empalme deste xene, que carece do dominio de serina protease, funciona como inhibidor da vía do complemento.

Ademais, a MASP-1 é útil para outras vías biolóxicas distintas das vías do complemento, como a coagulación do sangue. A MASP-1 pode clivar proteínas da vía da coagulación como o PAR-4, o fibrinóxeno e o factor XIII, o que causa unha elevada xeración de coágulos e fibrina.

Estrutura A estrutura da MASP-1 é similar á doutras proteínas MASP. O xene MASP1 codifica a MASP-1 así como a MASP-3 (por medio de empalme alternativo). A pesar de que se orixinan de distintos xenes e de empalme alternativo, todas as proteínas MASP teñen a mesma estrutura cunha cadea pesada/alfa, unha cadea lixeira/beta, e cunha ponte disulfuro de cisteína que as interconecta. A cabeza pesada está constituída por dous dominios CUB e dous dominio de proteína de control do complemento (CCP) que están conectados por un segmento de factor de crecemento epidérmico (EGF). Porén, a estrutura cristalina completa das proteínas MASP aínda non se formulou.

Importancia clínica Os cambios no xene MASP1 poden orixinar varias doenzas en pacientes debido aos cambios correspondentes que se producen na proteína MASP-1. Os cambios no xene MASP1 (polimorfismos) poden causar unha síndrome de resposta inflamatoria sistémica/sepse, síndrome de Malpuech (3MC), e colonización bacteriana en persoas con fibrose quística. Ademais, a MASP-1 é esencial para o transplante de células nai, xa que está implicada no transporte de células nai da medula ósea ao sangue. Ademais, os polimorfismos dun só nucleótido (SNPs) no xene MASP1 poden causar unha desactivación da coagulación do sangue e da activación do complemento. A sobreprodución de proteínas MASP-1 poden tamén estar relacionadas con algunhas doenzas. Por exemplo, as doenzas cardiovasculares incrementan os niveis de MASP-1, especialmente en casos como o infarto de miocardio subagudo. A MASP-1 é tamén regulada á alza en pacientes con leiomiosarcoma uterino, e podería activar a vía alternativa do complemento en pacientes de artrite inflamatoria. A doenza hepática hepatite C está asociada coa MASP-1 debido á localización de altas concentracións de MASP-1 en fígados infectados. Niveis máis altos do normal de MASP-1 correlaciónanse coa fibrose grave relacionada coa hepatite C.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Sistema do complemento Lectina que se une ao manano MASP2

Bibliografía

Ligazóns externas

Categoría:Sistema do complemento Categoría:Hidrolases