A das discináceas (Discinaceae) é unha familia de fungos ascomicetos, cuxos membros máis coñecidos son os do xénero Gyromitra. Orixinalmente foi creada por Erich Heinz Benedix en 1961, e viuse que era un clado diferenciado nun estudo molecular de ADN ribosómico feito polo micólogo Kerry O'Donnell en 1997. En 2008, considerábase que a familia comprendía 5 xéneros e 58 especies. En 2022, o GBIF acepta Discina (27 spp), Gymnohydnotrya (4 spp), Gyromitra (73 spp), Hydnotrya (52 spp) e Maublancomyces (1 sp). Pero indica que Neogyromitra e Pseudorhizina son xéneros dubidosos.

Os membros da familia Discinaceae poden ser especies epixeas e hipoxeas, e caracterízanse por ter ascomas compostos por unha capa interna de hifas entrelazadas e unha capa externa composta por células alongadas dispostas perpendicularmente á parte exterior. Discinaceae comprende especies que posúen apotecios con forma de sela e trufas hipoxeas. As discináceas posúen ascos cilíndricos de 8 esporas que se van adelgazando e ascósporas que poden ser elípticas, globosas ou fusoides. Estes fungos presentan varias características morfolóxicas, como corpos frutíferos discoidais, pés similares a cerebros, e chapeus con forma de sela. Propúxose que Discinaceae era unha liñaxe irmá de Morchellaceae, pero isto só está apoiado polas semellanzas en características morfolóxicas. Membros da familia como Hydnotrya tulasnei forman relacións ectomicorrícicas con árbores de folla caduca e coníferas no hemisferio Norte. A abundancia de discináceas correlaciónase significativamente co tipo de bosque, como a abundancia de Hydnotrya en bosques de ribeira que producen trufas negras en Serbia.

Notas