Sein und Zeit (en ) é a obra mestra do filósofo alemán Martin Heidegger, publicada orixinalmente en 1927. O libro deixou unha fonda pegada na filosofía, a crítica literaria e outros eidos. Malia o seu estatuto polémico, a súa importancia na historia do pensamento comparouse coa dos textos de Immanuel Kant e G. W. F. Hegel. O seu obxectivo é revivir a ontoloxía a través dunha análise do concepto de Dasein ou "ser no mundo". Destaca polo emprego de numerosos neoloxismos e unha linguaxe complexa, así como polo seu tratamento polo miúdo da idea de "autenticidade" como medio para comprender e afrontar as posibilidades únicas e finitas dos individuos.
Contexto Como indicou Richard Wolin, a obra "adoptou implicitamente a crítica da sociedade de masas" representada con anterioridade por Søren Kierkegaard e Friedrich Nietzsche. Este tipo de "queixas elitistas sobre a 'ditadura da opinión pública' eran comúns entre os mandaríns xermanos dos 20", segundo Jürgen Habermas. Ademais, en Sein und Zeit "abunda unha sensibilidade derivada dunha secularización do protestantismo" e a súa insistencia no pecado orixinal. Así, enfatízanse "conceptos emocionalmente cargados" como a culpa, a conciencia, a anguria e a morte.
Nesta liña, a obra relacionase co proxecto de Martín Lutero, que procuraba virar a teoloxía cristiá cara a unha versión anterior e máis orixinal da relixión. John D. Caputo indicou que Heidegger fixo un estudo sistemático da obra de Lutero durante a década de 1920, tras 10 anos de estudo da teoloxía católica. Do mesmo xeito, segundo Hubert Dreyfus a segunda sección da obra pode entenderse como unha versión secular do cristianismo kierkegaardiano. Case todos os conceptos basilares de Sein und Zeit derívanse das filosofías de Agostiño de Hipona, Lutero e Kierkegaard.
O crítico George Steiner argumentou que Sein und Zeit era un produto da crise da cultura alemá tras a derrota na primeira guerra mundial. Neste sentido, comparouno con Geist der Utopie (en ) de Ernst Bloch (1918), Der Untergang des Abendlandes (en ) de Oswald Spengler (1918), Der Stern der Erlösung (en ) de Franz Rosenzweig (1921), Der Römerbrief (en ) de Karl Barth (1922) e Mein Kampf de Adolf Hitler (1925).
A nivel estrutural, Sein und Zeit consta dunha longa introdución en dúas partes, seguida de dúas seccións: "Preparación fundamental para a análise do dasein" e "O dasein e a temporalidade". Heidegger tiña a intención de escribir un segundo volume, mais axiña abandonou o proxecto. Esta insubstanciada segunda metade incluiría unha crítica da filosofía occidental.
Contidos O Dasein Sein und Zeit rexeita explicitamente a noción cartesiana do ser humano coma un espectador subxectivo dos obxectos. Pola contra, defende que tanto o suxeito coma o obxecto son inseparables. Para presentar esta nova concepción do suxeito, un ser inseparable do mundo obxectivo, Heidegger introduciu o termo Dasein, que representa ó ser que vive a través do seu "estar aí" e "ser no mundo". A característica esencial deste Dasein é este "ser no mundo", entendido coma un fenómeno unitario e non coma unha combinación continxente.
A comprensión heideggeriana do Dasein pasa por unha análise da angustia (en ), o nada e a mortalidade, así como da estrutura do coidado en si. O filósofo define a autenticidade como un medio de entender e confrontar as finitas posibilidades do Dasein. Ademais, o Dasein é o "ser que dará acceso á cuestión sobre o sentido do Ser".
O ser alt=Esquema dos conceptos principais de Sein und Zeit (en alemán)|miniatura|Esquema dos conceptos principais de Sein und Zeit (en alemán) A obra afirma que o "ser no mundo" ordinario e, incluso, mundano fornece un "acceso ó significado ou 'sentido do ser' [en ]". Este acceso a través do Dasein é tamén aquilo "en termos do cal algo faise intelixible a algo". Este significado podería, entón, elucidar a comprensión ordinaria "precientífica", que precede ás formas abstractas do saber, como a lóxica ou a teoría.
Segundo Richard Rorty, o concepto de ser en Heidegger é metafórico, polo que non hai un "poder oculto" chamado "o Ser". Para o alemán, ningunha forma de entender o ser (nin o Dasein) debe valorarse por encima de outra. Este "acceso alingüístico e precognitivo" ó sentido do ser non pon a énfase nunha narrativa concreta.
Outros eséxetas pensan que centrarse no concepto de ser para interpretar o pensamento de Heidegger é un erro, xa que o autor nunca se centrou no ser como tal. Para Mark Wrathall, a complexa idea de "desocultación" foi o foco central de toda a carreira intelectual do xermano, namentres Thomas Sheehan propuxo que o núcleo da súa filosofía é aquilo que "orixina o ser como unha doazón de entidades". De feito, Sein und Zeit non indica como responder á pregunta polo ser en si, senón que explica o que significa ser humano. Secasí, Heidegger si presenta o concepto de ser, non coma un ser en si, senón como aquilo que determina que os seres sexan seres.
O tempo Heidegger pensaba que o tempo atopa o seu sentido na morte. É dicir, que o tempo só se entende dende un punto de vista finito ou mortal. A característica fundamental e o modo do "ser no mundo" é temporal: estar ceibados no mundo implica un pasado no seu ser. Así, "o presente é o momento nodal que fai intelixibles o pasado e mais o futuro". O Dasein ocúpase coas tarefas do presente, que teñen uns obxectivos proxectados cara ó futuro.
O Dasein, en tanto conxunción de suxeito e obxecto, non pode separarse da súa "historicidade" obxectiva, unha idea que Heidegger atribúe a Wilhelm Dilthey. Noutras palabras, o Dasein esténdese temporalmente entre o seu nacemento e a súa morte, ceibado no mundo, cara ás futuras posibilidades que deberá asumir. Este acceso do Dasein ó mundo e ás súas posibilidades danse sempre a través dunha historia e dunha tradición; neste sentido, o "ser no mundo" é un "ser histórico".
Metodoloxías alt=Retrato fotográfico de Edmund Husserl (1859-1938)|esquerda|miniatura|Retrato fotográfico de Edmund Husserl (1859-1938)
Fenomenoloxía
O mentor de Heidegger, Edmund Husserl, desenvolveu un método de análise coñecido como redución fenomenolóxica ou epoché, que pon a énfase na experiencia primordial. Husserl empregou este método para definir as estruturas da conciencia e amosar como se dirixen cara ós obxectos (reais e ideais) do mundo.
Sein und Zeit usa esta metodoloxía, mais modificando á mantenta as tendencias subxectivistas de Husserl. Namentres este concibía ós seres humanos como constituídos pola súa conciencia, Heidegger considerábaa un aspecto máis do Dasein, que non pode reducirse á simple conciencia. Así, esta é un efecto máis ca un determinante da existencia. Ao mudar o foco da conciencia (psicoloxía) á existencia (ontoloxía), Heidegger mudou a orientación da fenomenoloxía posterior. Porén, varios comentadores indican que a fenomenoloxía heideggeriana non se afasta realmente demasiado da husserliana.
A edición orixinal de Sein und Zeit, de 1927, contiña unha dedicatoria a Husserl quen, unha década antes, promovera os traballos de Heidegger. Ademais, axudouno a conseguir a cátedra de Filosofía da Universidade de Friburgo, que pertenceu a Husserl até a súa xubilación en 1928. Porén, Husserl era xudeu polo que, en 1941, Heidegger, daquela membro do Partido Nazi, retirou a dedicatoria en posteriores edicións (até a versión de 1953).
Hermenéutica
alt=Retrato fotográfico de Wilhelm Dilthey (1833-1911)|miniatura|Retrato fotográfico de Wilhelm Dilthey (1833-1911) Sein und Zeit utiliza a noción do círculo hermenéutico como un método de análise e de estruturación de ideas. Así, o círculo de Heidegger móvese dende partes da experiencia cara a súa totalidade e viceversa, nun proceso continuo que incrementa a profundidade da comprensión.
O círculo hermenéutico e outras teorías pertencentes á Historia son explicitamente recoñecidas en Sein und Zeit, en especial a través dos escritos de Wilhelm Dilthey. Esta técnica foi empregada por autores posteriores, como Jürgen Habermas.
Desestruturación
En Sein und Zeit, Heidegger refuta brevemente a filosofía de René Descartes (nun exercicio que describiu como "desestruturación"), mais nunca chegou a escribir o segundo volume, que buscaba ser unha Destruktion da filosofía occidental. O autor tentou explicar como o coñecemento teórico acabou por ser visto como algo fundamental do ser, unha postura que el consideraba errada. Esta explicación tomou a forma dunha "desestruturación" (en ) da tradición filosófica, unha estratexia interpretativa que revela a experiencia esencial do ser oculta dentro da actitude teórica da chamada metafísica da presenza.
En obras posteriores, menos sistemáticas e máis escuras ca Sein und Zeit, Heidegger realiza esexeses de textos históricos, en especial os dos presocráticos, Platón, Aristóteles, Immanuel Kant, G. W. F. Hegel, Friedrich Nietzsche ou Friedrich Hölderlin, entre outros.
Influencia Tras a súa publicación, a crítica gabou a "brillantez" e o "xenio" de Heidegger. O libro chegou a ser considerado a "versión máis influente da filosofía existencialista". George Steiner describiu os primeiros traballos de Jean-Paul Sartre como unha simple "versión de Sein und Zeit". A obra marcou tamén a outros filósofos da xeración de Sartre, exercendo unha notable influencia na filosofía francesa da época.
Os traballos de Heidegger marcaron a produción intelectual da Escola de Frankfurt, sobre todo a hermenéutica de Jürgen Habermas e os intentos de Herbert Marcuse de construír un "marxismo heideggeriano" durante a súa mocidade. Pola súa banda, Theodor Adorno, no seu libro de 1964 Jargon der Eigentlichkeit (en ), criticou a popularidade de Heidegger na Europa de posguerra. Adorno acusou a Heidegger de evadir calquera xuízo ético presentando de xeito hipócrita a súa noción de "autenticidade" como un concepto técnico e independente dos valores, e non como unha doutrina positiva sobre a boa vida.
Heidegger tamén deixou a súa pegada na psicanálise a través de Jacques Lacan e Medard Boss. Pola súa banda, Paul Celan, nos seus ensaios sobre teoría poética, incorporou algunhas das súas ideas. As ideas de Sein und Zeit aparecen en L'Être et l'Événement (en ), de Alain Badiou, e nas posicións enactivistas en teoría da cognición.
Pola súa banda, Bertrand Russell criticou Sein und Zeit, afirmando que "un non pode deixar de sospeitar que a linguaxe deste libro está desbocada"; outro filósofo analítico, A. J. Ayer, acusou directamente a Heidegger de ser un charlatán. Porén, o pensador estadounidense Richard Rorty situou ó xermano entre os filósofos máis importantes do século XX, xunto con John Dewey ou Ludwig Wittgenstein. Segundo o intelectual conservador Roger Scruton, Sein und Zeit é máis "a descrición dunha travesía espiritual persoal" que auténtica filosofía.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Obras de Martin Heidegger