O complexo MRX é un complexo proteico heterotrímero que consta de Mre11, Rad50 e Xrs2. É un homólogo dos lévedos de xemación do complexo de reparación de danos no ADN Mre11-Rad50-Nbs1 (MRN) de mamíferos.
Reparación de roturas de dobre febra
As células poden reparar axeitadamente as roturas de dobre febra do ADN usando un proceso chamado recombinación homóloga. Por este proceso a información da secuencia de ADN que se perde pola rotura pode recuperarse a partir da segunda molécula homóloga do ADN. A reparación recombinacional homóloga é importante para eliminar os danos no ADN tanto durante a mitose coma a meiose. O proceso de reparación empeza coa degradación do extremo 5’ a ambos os lados da rotura de dobre febra para orixinar colas 3’ de ADN monocatenario (un proceso chamado resección de extremo). Seguidamente a proteína Rad51 únese a estas colas e inicia un proceso de invasión de febra que leva á recuperación da información xenética a partir da secuencia homóloga non danada da segunda molécula de ADN. Os estudos co lévedo Saccharomyces cerevisiae indicaron que a resección de extremo é catalizada polo complexo proteico MRX. O encima MRE11 (unha das tres proteínas compoñentes do complexo MRX) fai primeiro unha amosega no ADN en 15 a 20 nucleótidos a partir do extremo 5’ da rotura. Isto crea un punto de entrada para un maior procesamento que fan exonucleases para completar o estadio de resección inicial do proceso global.
Notas
Categoría:Complexos proteicos