O museo de Wiesbaden é un museo de arte e historia natural con dúas sedes na cidade de Wiesbaden, capital do estado de Hesse (Alemaña). É un dos cinco museos estatais de Hesse, xunto cos de Kassel, Darmstadt, Saalburg e Glauberg.
Historia A fundación dos tres museos orixinais remóntase a iniciativas dos habitantes da cidade e a Johann Wolfgang von Goethe, que residiu en Wiesbaden entre 1814 e 1815. En 1825, convenceu os coleccionistas privados de Fráncfort, Johann Isaac e Johann Christian Gerning, para que doasen as súas amplas coleccións de obras de arte e antigüidades ao ducado de Nassau a cambio do pago dunha renda vitalicia.
Baixo a responsabilidade das asociacións que se acababan de fundar, pero controladas polo goberno ducal, os cidadáns de Wiesbaden e da rexión puideron ampliar rapidamente estas coleccións. Xunto cos fondos da chamada Asociación para a Antigüidade e a Investigación Histórica de Nassau (1812), xurdiron tres museos orixinalmente independentes. Ademais desta, a Sociedade de Ciencias Naturaies de Nassau e a Sociedade de Arte de Nassau eran tamén responsables destes museos.
Trala morte do duque, o Palacio do Príncipe Herdeiro en Wilhelmstraße, construído para o seu fillo, quedou dispoñible para outros fins. A diferenza doutras cidades, nunha fase moi temperá foi posible encontrar salas para os bens culturais recompilados pola cidadanía. En 1821, os tres museos e a biblioteca rexional de Hesse puidieron mudarse ao palacio, que hoxe en día é a sede da Cámara de Comercio e Industria de Wiesbaden. A metade do século XIX, o edificio quedouse pequeno debido ás intensas actividades de recolección e as novas adquisicións. A demanda dun novo edificio fíxose cada vez máis forte. Despois de que os tres museos quedaran baixo control prusiano en 1866, a cidade de Wiesbaden fíxose cargo destas institucións en 1899. Este cambio foi xeralmente aceptado porque Wiesbaden tiña fondos suficientes a finais do século XIX para promover a cultura.
Segundo os planos do arquitecto Theodor Fischer, en 1913 colocouse a primeira pedra dun novo edificio de tres ás na esquina de Wilhelmstraße e Rheinstraße. Anteriormente, aquí se atopaba a mansión do banqueiro Mons, na que se albergou o edificio de recepción de Ludwigsbahnhof ata 1906. O deseño interior das tres casas estivo influenciado en gran medida polos tres directores e os conservadores, xa que as necesidades eran diferentes.
A primeira en inaugurarse foi a Gemäldegalerie o 1 de outubro de 1915. Ese mesmo ano, a Colección de Ciencias Naturais tamén puido trasladarse ao novo edificio, mais ata o final da primeira guerra mundial o Museo de Ciencias Naturais e o Museo de Antigüidades de Nassau non reabriron as súas portas, o que ocorreu o 15 de xullo de 1920.
A metade da pinacoteca destinaríase a exposicións temporais, organizadas polo Nassauischer Kunstverein na década de 1920 e principios da de 1930. Durante este período, particulares locais tamén contribuíron a importantes ampliaciónss das coleccións. A sección de ciencias naturais presentaba exposicións sistemáticas sobre xeoloxía, paleontoloxía e bioloxía. Tamén se presentaron por primeira vez aspectos ecolóxicos.
Durante a segunda guerra mundial, o edificio utilizouse parcialmente con fins militares. Con poucas excepcións, as coleccións sobreviviron sen sufriren danos. Porén, as exposicións foron desmanteladas e a maioría das vitrinas sufriron danos. Trala renovación, as salas recuperaron lentamente a súa función orixinal. Este atraso tivo tamén outra causa: os estadounidenses, que se mudaron a Wiesbaden despois de 1945, converteron o museo nun Centro de Recolección. Exhibíronse tesouros artísticos almacenados temporalmente, como o busto de Nefertiti ou o cadro O home do elmo de ouro, atribuído daquela a Rembrandt.
Tralo seu regreso, reconstuíuse unha colección a partir da década de 1950 con moi poucos recursos. Clemens WeilerFaber, Rolf (2016). "Clemens Weiler, Kunsthistoriker", en Verlag, Konrad Theiss (ed.). Wiesbaden – das Stadtlexikon. Landeshauptstadt Wiesbaden, p. 945. exerceu un papel fundamental na construción da Colección Alexej von Jawlensky, que hoxe en día é a colección máis importante da casa. O Museo de Ciencias Naturais foi reconstruído en gran parte por Friedrich Heineck, ao cal destituíran durante a guerra. O obxectivo do museo era mostrar información específica sobre os biomas nas exposicións. A reconstrución non foi de todo exitosa, en parte porque as salas aínda estaban sendo utilizadas por outras organizacións, como unha biblioteca estadounidense e un arquivo urbano.
De 1994 a 1997 renováronse totalmente as salas da colección de arte; de 2003 a 2006, os tellados, a entrada e a aula magna, e abríronse novas salas de exposición. De 2007 a 2012 renováronse as ás norte e sur. Na á norte, a colección de historia natural volvería a exhibirse a partir de 2013. Na á sur, liberada, presentáronse as obras dos Mestres Antigos en conexión coa arte contemporánea.
Abandonouse a secuencia cronolóxica en favor de espazos sobre os temas «relixión», «retrato», «mitoloxía», «natureza morta» e «paisaxe».
Colección de arte A colección de arte do museo procede da antiga colección de Johann Isaak von Gerning, de Fráncfort. Grazas a compras, donacións e préstamos, esta colección converteuse nunha das máis importantes de Alemaña, especialmente no ámbito dos séculos XIX e XX. O Museo de Wiesbaden esfórzase por identificar o botín nazi na súa propia colección e, en caso necesario, devolvelo aos seus lexítimos donos ou herdeiros. En ouubro de 2014, o museo lanzou unha espectacular campaña titulada Wiesbaden schafft die Wende!. O cadro Die Labung de Hans von Marées, roubado polo réxime nazi en 1935, pasou a mans do museo en 1980. No contexto desta acción, exhibiuse, aínda que só o reverso. A principios de novembro, cando as donacións xa recadaran diñeiro dabondo para a compra, agora lexítima, puido expoñerse a parte frontal do cadro.
Esculturas As esculturas non ocupan un lugar destacado na colección de arte do Museo de Wiesbaden. Porén, preséntanse algunhas obras interesantes. A escultura francesa Badende, de finais do século XIX e principios do XX, obra de Aristide Maillol, é unha das principais atraccións. Os escultores alemáns da primeira metade do século XX están representados por Max Klinger (busto de Friedrich Nietzsche, ca. 1910), Franz von Stuck, Georg Kolbe, Wilhelm Lehmbruck, Gerhard Marcks, Emy Roeder e Ernst Barlach (Der Tod, 1925).
Artes gráficas En comparación coa colección de pinturas, a de artes gráficas é menos importante. As obras anteriores a 1800 son escasas. Ao contrario, do século XIX consérvanse numerosas obras de Ludwig Knaus, Arnold Böcklin, Hans von Marées e Max Slevogt, entre outros. Na primeira metade do século XX, destacan os expresionistas, especialmente Alekséi von Jawlensky. Entre elas inclúense obras de artistas da Die Brücke (A Ponte) como Ernst Ludwig Kirchner, Erich Heckel e Karl Schmidt-Rottluff, así como obras dos artistas da Asociación Editorial Blaue Reiter. De especial interese son as obras de Franz Marc, August Macke e, sobre todo, a acuarela Allerheiligen (1910) de Wassily Kandinsky da colección de Hanna Bekker vom Rath.
Tamén se poden atopar obras doutros artistas da época, como Edvard Munch, Otto Dix, Oskar Kokoschka, Käthe Kollwitz e Pablo Picasso. As obras construtivistas, incluídas as de László Moholy-Nagy, a parella de artistas Robert Michel e Ella Bergmann-Michel, así como Friedrich Vordemberge-Gildewart, forman outro punto focal da colección. A colección de artes gráficas posterior a 1945 é extensa. O informalismo está representado por obras de Karl Otto Götz, Otto Greis e Bernard Schultze. Outras láminas das décadas de 1940 e 1950 proveñen de Willi Baumeister, HAP Grieshaber e, sobre todo, da extensa colección de Ernst Wilhelm Nay. As tendencias minimalistas móstranse nas obras de Sol LeWitt. A arte pop está representado por Thomas Bayrle, entre outros.
Vellos mestres
En comparación coas coleccións dos séculos XIX e XX, os clásicos apenas están representados no museo. A atención céntrase nos artistas italianos e neerlandeses desde o século XV en adiante. Os italianos máis importantes son Prospero Fontana, Albertino Piazza, Domenico Tintoretto, Marietta Robusti, Sebastiano del Piombo, Alessandro Rosi, Luca Giordano, Francesco Solimena, Sebastiano Ricci, Cristoforo Munari e Gennaro Greco.
A pintura neerlandesa está representada por artistas como Joos van Cleve, Albrecht Bouts, Otto van Veen, Joos de Momper, Frans Floris de Vriendt, Roelant Savery, Gerard van Honthorst, Willem van de Velde, Jan Lievens, Frans Snyders e Nicolaes Berchem.
A arte gótica e renacentista alemá tardía está representada polo Mestre do Altar de Heisterbach, o Mestre da Sagrada Familia, Lucas Cranach o Vello, Bartholomew Bruyn o Vello e Hans Mielich. O barroco e o clasicismo alemáns están representados por Johann Conrad Seekatz e Johannes Zick, Nicolas Treu, Johann Georg Platzer e Angelica Kauffmann. A pintura inglesa está representada por Joshua Reynolds.
Colección do século XIX miniatura|350px|O cadro Ofelia, do artista alemán Friedrich Heyser (c. 1900), exponse no museo. O século XIX está excelentemente representado na colección. Aínda que faltan os grandes nomes e o impresionismo francés, dáse unha boa visión xeral deste período. Con artistas como Wilhelm von Kobell, Carl Morgenstern e Ferdinand Georg Waldmüller, a pintura de xénero alemá está particularmente ben representada. Ludwig Knaus, de Wiesbaden, que na súa época foi tan importante como Adolph von Menzel, non está representado en practicamente ningún outro museo. A obra Su Spaziergang im Tuileriengarten, de arredor de 1855, é unha aproximación temperá ao impresionismo, do que posteriormente se apartou.
A escola de pintura de Düsseldorf está representada por varias obras dos irmáns Andreas e Oswald Achenbach. Os Deutschrömer (artistas e escritores alemáns que viviron en Roma) están representados por Anselm Feuerbach, Arnold Böcklin e Hans von Marées. Carl Spitzweg, Wilhelm von Kaulbach, Franz von Lenbach e Franz von Stuck forman a contraparte da Escola de Múnic.
O distrito de Leibl en Múnic posúe unha ampla representación, especialmente por Wilhelm Trübner, mais tamén con obras de Hans Thoma, Carl Schuch e Otto Scholderer. O realismo francés está salientado por obras de Gustave Courbet, Jean-François Millet e Charles-François Daubigny, mentres que o realismo ruso está representado por unha obra de Iliá Repin, mestre de Alekséi von Jawlensky, procedente da colección Ernst Alfred Aye.
A colección deste século complétase coas obras dos principais representantes do impresionismo alemán, Max Liebermann e principalmente Lovis Corinth, así como de Oskar Moll e Christian Rohlfs.
Colección Jawlensky As obras do artista ruso Alekséi von Jawlensky, quen pasou os últimos vinte anos da súa vida en Wiesbaden, son excepcionais na colección do museo. Con 57 pinturas e 35 obras gráficas, posúe a maior colección deste artista, despois do estadounidense Museo Norton Simon de Pasadena (California). A colección inclúe obras temperás como Stillleben mit Krug und Buch (1902), moitas obras importantes e expresivas como Dame mit Fächer (1909), Nikita (1910) ou Selbstbildnis (1912) e, sobre todo, moitas obras de pinturas en serie, como as variacións Von Frühling, Glück und Sonne (1917) e as meditacións como Mein Geist wird weiterleben (1935).
Entre os bodegóns salienta a pintura Stillleben mit schwarzer Vase (1910) e, entre as paisaxes de Jawlensky, a obra Blaue Berge (1912). A colección de gráficos inclúe litografías como Liegender weiblicher Akt (1912) e debuxos como Konstantinowka mit geneigtem Kopf (c. 1912).
Expresionistas e a colección de Hanna Bekker vom Rath miniatura|250px|Dous amantes de Otto Mueller.