Josefina de la Torre Millares, nada nas Palmas de Gran Canaria o 25 de setembro de 1907 e finada en Madrid o 12 de xullo de 2002, foi unha poeta, novelista, cantante lírica e actriz canaria vinculada á Xeración do 27 e á corrente vangardista hispánica da primeira metade do século XX. Considérase que formou parte de Las Sinsombrero.

Traxectoria Foi a menor de catro irmáns. O seu pai, Bernardo de la Torre era un home de negocios moi comprometido co desenvolvemento da cidade das Palmas. A súa nai, Francisca Millares Cubas (filla do historiador, novelista e músico Agustín Millares Torres) dedicábase de maneira total ás artes. O seu tío era o barítono Néstor de la Torre Comminges.

De la Torre comezou a escribir poesía aos nove anos, en 1915, cando compuxo uns versos dedicados ao poeta modernista canario Alonso Quesada. Un ano antes xa escribira un poema de homenaxe a Benito Pérez Galdós e aos 15 comezou a publicar en revistas. A influencia do seu irmán Claudio, novelista e dramaturgo daquela en auxe e Premio Nacional de Literatura en 1926, foi moi importante para a súa iniciación no eido da literatura e da representación teatral. Así, en 1928 creou na súa casa de Las Canteras o chamado Teatro Mínimo que dirixía o seu irmán Claudio.

Empezou a relacionarse co escritor Pedro Salinas. Este escribirá o prólogo do seu primeiro poemario, Versos y estampas, escrito en 1928, que evocaba unha infancia insular en versos de arte menor e en poemas en prosa con influencia de Juan Ramón Jiménez. Recibe notábel influencia de escritores vinculados á Xeración do 27.

Durante as súas longas estadías en Madrid aproveitou para perfeccionar os seus estudos de canto na escola de Dahmen Chao, onde culminou a súa formación como soprano.

O seu seguinte libro foi Poemas en la isla (1930). Ela e Ernestina de Champourcín foron as dúas únicas mulleres cuxos poemas foron incluídos por Gerardo Diego na súa Antología de la Poesía Española (Contemporáneos), de 1934.

En 1934 comezou a traballar como actriz de dobraxe de Marlene Dietrich para a Paramount en Joinville (Francia). Foi entón cando coincidiu con Luis Buñuel, con quen traballou en dobraxe baixo as ordes de Claudio de la Torre, que se dedicaba a adaptar guións e dirixir as dobraxes.

En 1935 regresou a Madrid, onde instalou a súa residencia nun momento da súa carreira no que se quería dedicar plenamente á súa carreira como soprano. En febreiro de 1935 deu un concerto, acompañada ao piano por Cipriano Rivas Cherif, no Teatro María Guerrero que se anunciaba como «Concierto de 1900». Outros escenarios da cidade recolleron a pegada de Josefina como cantante: o Lyceum Club Femenino, o Instituto San Isidro, o Monumental Cinema ou a Residencia de Estudiantes. Ademais de intérprete, Josefina compuxo as súas propias partituras. A máis coñecida leva por título Puerto de mar.

Durante a guerra civil volveu á súa cidade natal. Alí publicou as súas primeiras novelas, algunhas con estrutura cinematográfica, baixo o pseudónimo de Laura de Cominges (o segundo apelido do seu pai). na colección La Novela Ideal, creación súa. Eran folletíns que contaban historias de evasión. Grazas a esta iniciativa conseguiron o sustento económico difícil tras a guerra.

Entre 1940 e 1945, xa de volta en Madrid, realizou traballos non só como actriz, senón como axudante de dirección, guionista e columnista da revista cinematográfica Primer Plano (en cuxa portada aparece en dúas ocasións). Tamén participou como actriz en radionovelas en Radio Nacional e participou en varias películas con directores como Edgar Neville.

O seu primeiro papel importante foi na película Primer amor, dirixida por Claudio de la Torre. A esta seguírona La blanca Paloma (Claudio de la Torre), Y tú, ¿quién eres?, (Julio de Fletchner), Misterio en la marisma (Claudio de la Torre); El camino del amor (José María Castellví), Una herencia en París (Miguel Pereyra) e La vida en un hilo, o seu último traballo (Edgar Neville), xunto a Conchita Montes e Rafael Durán. Anos máis tarde publicou Memorias de una estrella, novela na que narra a historia dunha actriz que abandona o cine en pleno éxito.

Formou parte da compañía do teatro María Guerrero, coa obra La rabia, libreto baseado na obra La cena del Rey Baltasar, orixinal de Pedro Calderón de la Barca e dirixida por Luis Escobar. En 1944 entrou a formar parte do grupo de actores e actrices do Teatro invisible de RNE. Alí permaneceu até 1957, momento no que pasou a traballar en La Voz de Madrid.

Dedicada de cheo ao teatro, en 1946 fundou a súa propia compañía, Compañía de Comedias Josefina de la Torre, xunto ao seu esposo. A compañía levou a escena unha quincena de obras, entre outras: El caso de la mujer asesinadita, de Miguel Mihura, ou Casa de muñecas, de Henrik Ibsen. Nos anos 60 chegou a participar na primeira versión española do musical The Sound of Music. Tamén traballou até 1958 para outras compañías de teatro como Dido Pequeño Teatro, T.O.A.R., o Teatro Nacional María Guerrero e Ensayo del Teatro Español e as compañías de Amparo Soler Leal, Núria Espert, María Fernanda D'Ocón e Vicente Parra. A súa última intervención como actriz foi na serie de Televisión Española Anillos de oro (1983).

Durante o período franquista Josefina de la Torre Millares publicou un libro de versos, Marzo incompleto (1968). En 1954 publicou dúas novelas: Memorias de una estrella e En el umbral. En 1978 casou con Ramón Corroto, e aínda que era menor ca ela, morreu en 1980. Josefina nunca tivo fillos e o seu desexo de telos reflíctese nalgúns dos seus poemas. En 1988 publicou Medida del tiempo. Durante os anos 80 Josefina de la Torre Millares escribiu o poemario Él, manuscrito e inédito.

Morreu en Madrid aos 94 anos por un ataque cardíaco o 12 de xullo de 2002.

Recoñecementos

En Santa Lucía de Tirajana (Gran Canaria) atópase o Instituto de Educación Secundaria Josefina de la Torre. En 2000 foi nomeada Membro de honra da Academia Canaria da Lingua. A Associated University Press de Nova York publicou en 2001 o ensaio Absence and Presence, de Catherine G. Bellvev. Inclúe a Josefina de la Torre Millares como unha das cinco poetas españolas máis relevantes dos anos 20 e 30 do século XX. Do 4 ao 15 de maio de 2001 a Residencia de Estudantes de Madrid acolleu a exposición Los álbums de Josefina de la Torre: La última voz del 27. O acto de inauguración contou coa presenza da poeta, xa con 93 anos, a súa última aparición pública. A exposición percorreu diversos lugares de Canarias. En 2002 o Goberno de Canarias concedeulle a Cruz da Orde «Islas Canarias». En 2007 o Ministerio de Fomento bautizou co seu nome o Sasemar 103, un dos seus avións de patrulla marítima, operado pola Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima. En 2011 o Teatro Cuyás (As Palmas de Gran Canaria) homenaxeou a artista pondo o seu nome a unha das súas salas. En decembro de 2019 o Goberno de Canarias aprobou a proposta da Consellería de Educación de dedicar o Día das Letras Canarias 2020 á escritora coa finalidade de recoñecer e difundir o seu traballo.

Obras e edicións actuais da súa poesía

Versos y estampas, Málaga, Litoral, 1927. Poemas de la isla, Barcelona, Altés, 1930. Marzo incompleto, revista Azor, 1933; revista Fantasía, 19 de agosto de 1947; Las Palmas de Gran Canaria (colección San Borondón), 1968. Poemas de la isla, Madrid, Biblioteca Básica Canaria, núm. 30, Viceconsellería de Cultura e Deportes, Goberno de Canarias, 1989 [inclúe os tres libros citados máis o inédito Medida del tiempo]. Poemas (2003), Santa Cruz de Tenerife, Idea. Poemas (2004), Santa Cruz de Tenerife, Interseptem. Jeanne Marie, Los caminos del alma / Les Chemins de l’âme - memoria viva de los poetas del 27’ mémoire vive des poètes de la Génération de 1927, éditions Paradigme Orléans Poesía completa. 2 volúmenes (2020), Madrid, Torremozas.

Notas

Categoría:Nados nas Palmas de Gran Canaria Categoría:Sopranos de España Categoría:Actores de voz de España Categoría:Nados en 1907 Categoría:Finados en 2002