A Santa é unha escultura en madeira policromada realizada por Francisco Asorey en 1926. Considerada unha das obras mestras da escultura galega do século XX, forma parte da triloxía dedicada á muller galega integrada tamén por A Naiciña (1922) e O Tesouro (1924).

Historia Francisco Asorey realizou A Santa no seu obradoiro de Santiago de Compostela para presentala á Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid de 1926. A obra provocou unha intensa polémica pola representación dunha muller labrega galega afastada dos canons idealizados da época, o que xerou tanto eloxios como críticas.

En 1951, a escultura foi adquirida pola Casa de Galicia de Montevideo, onde permaneceu durante máis de setenta anos. En 2019, regresou temporalmente a Galicia para formar parte da exposición Galicia, un relato no mundo, organizada no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura."A 'Santa' de Asorey volve a Galicia" CCG. 8/10/2019.

Tras a desaparición da Casa de Galicia de Montevideo, a Xunta de Galicia adquiriu a obra en 2023 e acordou coa República do Uruguai que permanecese en depósito e exposición permanente no Museo Zorrilla de Montevideo.

Retorno definitivo a Galicia En xullo de 2026, coincidindo co centenario da creación da obra, a Xunta de Galicia anunciou o traslado definitivo da Santa dende Montevideo a Galicia, onde pasou a formar parte da colección permanente do Museo Gaiás, na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. A decisión puxo fin a máis de sete décadas durante as que a escultura permaneceu no Uruguai, primeiro como patrimonio da Casa de Galicia e posteriormente depositada no Museo Zorrilla tras a adquisición da obra pola Xunta de Galicia no contexto da liquidación da institución galega de Montevideo. O Goberno galego xustificou o traslado pola vontade de garantir a súa adecuada conservación, contextualización e estudo, consolidando o seu regreso definitivo ao patrimonio artístico galego.

Descrición A escultura está realizada en madeira policromada e representa unha muller labrega galega de grandes dimensións, de pé e en actitude solemne. Asorey afástase da representación idealizada da feminidade para mostrar unha figura marcada polo traballo físico, coa anatomía robusta, as mans encalecidas e un forte carácter expresivo.

A obra foi interpretada como unha alegoría da dignidade, da fortaleza e da espiritualidade da muller galega, converténdose nunha das creacións máis representativas do escultor cambadés.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Galicia, un relato no mundo Labrego, labrega

Categoría:Escultura de Galicia