A República Dominicana é un país que ocupa algo máis dos dous terzos orientais da illa de Santo Domingo ou A Española, no arquipélago das Antillas. Limita ao norte co océano Atlántico, ao sur co mar Caribe ou Mar das Antillas, ao leste coa canle da Mona, que a separa de Porto Rico, e ao oeste coa República de Haití. Ten unha superficie de 48.670 km² e unha poboación de máis de 9 millóns de habitantes. A sede de goberno e capital do país é Santo Domingo de Guzmán.

Toponimia O 27 de febreiro de 1844, cando os dominicanos lograron separarse de Haití, denominaron a nova nación co nome de República Dominicana en recoñecemento á Orde Relixiosa dos pais Dominicos pola súa contribución á defensa dos dereitos humanos dos indíxenas e ao desenvolvemento da educación e a Cultura Letrada no país, desde a chegada dos europeos.

Historia

Asentamento aborixe miniatura|dereita|División da illa á chegada dos europeos. A Española ou Illa de Santo Domingo foi ocupada en catro períodos migratorios antes da chegada dos europeos. Estes pobos proviñan do norte de América do Sur, especificamente das concas dos ríos Orinoco, Xingú e Tapajós, situados en Venezuela e as Güianas, e foron migrando por vía marítima de illa en illa, das antillas menores ás maiores.

Os máis antigos poboadores das Antillas tiñan unha cultura moi rudimentaria; foron recolectores, pescadores e cazadores, e non practicaban a agricultura. Usaban instrumentos confeccionados con cunchas e ósos dalgúns animais; chegaron a puír a pedra para fabricar obxectos e utensilios. Este grupo é denominado Arcaico (ou Pre-Cerámico, pola ausencia de olaría) e probablemente chegaron á illa ó redor do ano 3000 adC. Á chegada dos europeos, os arcaicos soamente se atopaban no extremo occidental da Península Tiburón de Haití e no occidente de Cuba, onde eran chamados Guanahatabeyes. Os taínos chamábanos siboney (tamén escrito ciboney), voz que significa «home que vive entre as pedras ou as rocas» (ciba, pedra; igney, home). A segunda onda migratoria corresponde ó grupo arauaco pre-taíno coñecido nas Antillas como iñeris, relacionados co estilo saladoide das costas venezolanas. A súa olaría chegou a ser a máis elaborada de todas as Antillas. Os igneris non ocuparon o interior da illa nin chegaron a Cuba nin a Xamaica. Foron desprazados pola terceira onda migratoria: os taínos, que chegaron ó redor do século VII da nosa era.

Os taínos ocuparon todas as Antillas Maiores e as Bahamas. Os nomes taínos para a illa foron Haití, Bohío e Quisqueya, que significan terra montañosa, casa grande e gran nai da terra respectivamente.

Estes desenvolveron unha cultura baseada fundamentalmente na produción agrícola que lles permitiu realizar unha apreciable actividade artesanal de obxectos de barro e madeira. Ademais, os taínos foron excelentes escultores que confeccionaron artefactos cerimoniais dunha grande expresión artística.

A última onda migratoria foi a dos caribes, que chegaron a ocupar todas as Antillas Menores pero que aínda non se asentaran en Porto Rico e A Illa de Santo Domingo á chegada dos españois. Aparentemente os pobos macoriges ou macorizes (singular, macorix) e ciguayos, que ocupaban a península de Samaná e o norte da illa, eran grupos indíxenas diferentes ós taínos que chegaron á illa uns 600 anos antes da chegada dos europeos. Estes grupos eran sumamente belicosos comparados cos seus antecesores, o que quedou demostrado co seu encontro con Colón no Golfo das Flechas.

Chegada de Cristovo Colón

miniatura|Cristovo Colón tomando posesión da Española no momento da súa chegada en 1492. Cristovo Colón atracou na costa norte da illa o 5 de decembro do 1492, bautizándoa co nome d´A Española. ó continuar a exploración da costa norte, a carabela Santa María encallou nun banco de area; cos restos da nave, construíu o forte La Navidad. Entón Colón ordenou regresar a España, deixando unha guarnición de 49 homes ó mando de Diego de Arana.

Ao regresar á illa durante a súa segunda viaxe en 1493, Colón atopou que o forte La Navidad fora atacado e destruído por indíxenas a cargo do cacique Caonabo. Entón decide construír La Isabela, a primeira cidade europea do Novo Mundo, e organizou varias expedicións ó interior da illa que resultaron na construción dalgunhas fortalezas e no control do Cibao.

Antes de partir a España, Colón deixou a cargo da colonia ó seu irmán Bartolomeu Colón quen, como Adiantado da illa, fundou a cidade de Santo Domingo en 1496. Pero as desordes e as sublevacións motivaron que a Coroa Española enviase a Francisco de Bobadilla para facerse cargo da situación, quen ordenou como primeira medida a detención de Cristovo Colón e a súa familia, quen foron embarcados para a Península. Sucedeuno Nicolás de Ovando e logo o fillo do almirante, Diego Colón, entre os anos 1509 e 1523.

Durante a conquista e colonización estableceuse o primeiro Bispado (1504), a primeira Capitanía xeneral, o primeiro Vicerreinado e a primeira Real Audiencia (1511) de toda América; construíuse a primeira igrexa (Ermida do Rosario, 1496), o Hospital de San Nicolás (1503) e a primeira catedral (1530), entre outras edificacións.

A través do século XVI, La Española gozou de boa posición económica e social; as primeiras expedicións conquistadoras partían desde a illa. Pero desde final dese século e despois da conquista dos grandes territorios de América do Norte e América do Sur, a illa foi quedando relegada a un segundo plano, afundíndose cada vez máis na pobreza e o esquecemento.

Escravitude Coa conquista e colonización da illa, os españois empezaron a importar grandes continxentes de escravos africanos para substituír a man de obra nativa, moi minguada polas guerras, brutais condicións de traballo e epidemias. Aproximadamente, un 80 ou 90% da poboación nativa morreu no primeiro século da conquista. Pola súa banda, entre 1492 e 1870 foron traídos uns 30.000 africanos para o territorio dominicano.

Até a conquista de Xamaica polos corsarios ingleses do almirante William Penn e o xeneral Robert Venables, en 1654 os españois só tiñan un control permanente da zona sueste da illa, deixando un amplo sector do centro e o norte da illa, rexións moi montañosas, como lugares onde africanos e tainos, escravos nas plantacións, puidesen fuxiarse. Tanto nas plantacións como nas vilas illadas de fuxidos producírase unha forte mestizaxe entre indíxenas e africanos e tamén europeos. Desta mestizaxe xunto ó dominio social, cultural e económico do elemento europeo constituirá a base da identidade nacional dos dominicanos. Estímase que a poboación da colonia en 1777 era de 400.000 persoas, dos cales 100.000 eran europeos e crioulos, 60.000 africanos, 100.000 mestizos, 60.000 zambros e 100.000 mulatos.

A abolición definitiva da escravitude efectuouse en 1822, durante a ocupación haitiana do territorio dominicano.

División da illa

En 1586, o inglés Francis Drake atracou na illa e saqueou a cidade de Santo Domingo. Entre 1605 e 1606 levou a cabo un proceso de despoboamento da parte oeste da illa, no que se coñeceu como as Devastaciones de Osorio. Recibiu ese nome porque o proceso foi implantado por Antonio de Osorio, entón gobernador español da illa, o cal deu inicio ó proceso de poboamento gradual da parte oeste da illa por parte de bucaneiros e filibusteiros franceses.

Arredor de 1630, franceses, holandeses e ingleses apoderáronse da illa da Tartaruga. Desde esa illa os franceses comezaron a penetración na parte occidental de La Española. En 1697, polo Tratado de Ryswick, España cedeu a Francia esa parte da illa, a actual Haití. A parte oriental da illa, para ser diferenciada da colonia francesa de Saint Domingue, foi denominada Santo Domingo Español ou Santo Domingo Oriental.

En 1777, co tratado de Aranjuez, fíxanse os límites entre a parte francesa e a española.

Dominio francés

O 16 de agosto de 1791, estendeuse unha sublevación de escravos na colonia francesa que rapidamente foi sufocada pola mariña e os efectivos franceses. O 22 de xullo de 1795, ó final da Guerra do Rosellón contra a Primeira Coalición, a Francia Revolucionaria conseguiu, co Tratado de Basilea, que España se vise obrigada a renunciar á súa soberanía en toda a illa, pasando así a mans francesas.

En 1801 renovouse a insurxencia dos escravos. Toussaint Louverture avanzou sobre a parte oriental da illa e chegou á capital, Santo Domingo, acompañado por un numeroso exército, pero foi rexeitado. Ese mesmo ano, capturaron a Santo Domingo, tomando o control de toda a illa, pero en 1802 un exército enviado por Napoleón capturou a Louverture e enviouno a Francia como prisioneiro. Con todo, os lugartenentes de Toussaint Louverture, e a febre amarela, lograron expulsar os franceses de novo de Saint-Domingue. O 1 de xaneiro de 1804, mentres Jean-Jacques Dessalines proclamaba a independencia de Haití, comezou en Santo Domingo o período francés, baixo a administración de Louis Marie Ferrand.

En 1805, Henri Christophe e Dessalines tomaron a cidade de Santiago e despois dirixíronse para Santo Domingo cun numeroso exército, pero ante a resistencia de Ferrand, víronse obrigados a retirarse.

En 1808, tras a invasión napoleónica de España, os crioulos de Santo Domingo encabezados polo soldado Juan Sánchez Ramírez rebeláronse contra o dominio francés e, coa axuda de Gran Bretaña (aliado de España) e Haití, na denominada Batalla de Palo Hincado.

O 11 de xullo de 1809, os administradores franceses capitularon. As tropas inglesas ocuparon a cidade de Santo Domingo, ata que en agosto do mesmo ano abandonaron o sector e a parte oriental volveu ser nominalmente colonia de España. Así se iniciou o período coñecido como a España Boba, é dicir, de escasa ou nula intervención metropolitana nos asuntos da colonia, o que durou até 1821.

Breve independencia e posterior ocupación haitiana

Inspirado polas ideas liberais, José Núñez de Cáceres conspira contra España na parte oriental, e o 1 de decembro de 1821 proclama a independencia desta parte da illa, creando así o Estado Independente do Haití Español. Isto recóllese na historia como Independencia Efémera, pois tan só en tres meses o xeneral haitiano Jean Pierre Boyer consolida a súa dominación sobre toda a illa. O novo sistema opúñase amplamente polos agricultores dominicanos, aínda que se produciu un auxe na produción de azucre e café. Todos os niveis da educación esborralláronse, a universidade foi pechada, xa que os homes novos dominicanos de 16 a 25 anos de idade foron recrutados polo exército haitiano, ademais foron privados de alimentos. A ocupación das tropas de Boyer, que eran en gran parte dominicanos, quen non recibían paga tiveron que se dedicar a saquear os civís dominicanos. Haití impuxo un tributo ó pobo dominicano. Moitos fuxiron de Santo Domingo para Porto Rico e Cuba (ambos aínda baixo o dominio español), Venezuela e outros países. ó final, a economía e a fiscalidade fixéronse máis onerosas.

Coa chegada de Boyer á parte oriental da illa aboliuse a escravitude e expúxose unha profunda reforma agraria. Con isto dáse inicio á Dominación Haitiana, o 9 de febreiro de 1822. Na parte oeste da illa inícianse conspiracións contra Boyer a partir de 1827, que obrigan a que marche para o exilio en xaneiro de 1843.

Independencia

miniatura|dereita|Juan Pablo Duarte guía e líder dos trinitarios e propulsor da guerra pola independencia dominicana. No leste tamén se inicia un proceso revolucionario contra o dominio haitiano encabezado por liberais, entre eles Juan Pablo Duarte, Matías Ramón Mella e Francisco del Rosario Sánchez. Fúndase o movemento clandestino La Trinitaria o 16 de xullo de 1838. Cando Charles Hérard chega ó poder, iníciase a persecución dos Trinitarios. Para esta época había grupos que querían a anexión a Inglaterra, Francia ou España. Estes grupos antepóñense ás ideas independentistas dos Trinitarios.