Gabriel Urbain Fauré (), nado en Pamiers o 12 de maio de 1845 e finado en París o 4 de novembro de 1924, foi un compositor, pedagogo, organista e pianista francés. É considerado un dos compositores franceses máis destacados da súa xeración e o seu estilo musical influíu en moitos compositores do século XX. Entre as súas obras máis coñecidas destacan a Pavana, ou Réquiem, os nocturnos para piano e as cancións «Après un rêve» e «Clair de lune». Aínda que as súas composicións máis coñecidas e accesibles para o gran público son xeralmente as dos seus primeiros anos, Fauré compuxo gran parte das súas obras máis prezadas polos críticos ao final da súa carreira, nun estilo harmónica e melodicamente máis complexo.

Naceu nunha familia culta pero sen particular afección musical, e demostrou o seu talento para a composición cando apenas era un neno. Foi enviado a un colexio de música en París, onde se formou para ser organista de igrexa e director de coro. Entre os seus mentores encontrábase Camille Saint-Saëns, quen se converteu no seu amigo de por vida. Logo de graduarse en 1865, Fauré gañaba a vida de forma modesta como organista e mestre, o que lle deixaba pouco tempo para compoñer. Cando acadou o éxito e ocupou os importantes cargos de organista da igrexa da Madeleine e director do Conservatorio de París, apenas tiña tempo para compoñer; durante as vacacións de verán, retirábase ao campo para adicarse a dita tarefa. Nos seus últimos anos, Fauré foi recoñecido en Francia como o compositor francés máis importante da súa época. En 1922 rendéuselle unha homenaxe musical nacional sen precedentes en París, encabezada polo entón presidente Alexandre Millerand. Fauré tiña algúns admiradores en Inglaterra mais a súa música, se ben era coñecida noutros países, tardou décadas en ser amplamente aceptada.

Romántico nos seus inicios e admirador da música de Richard Wagner, sumouse logo á corrente impresionista na liña da música francesa, acadando a súa música unha gran finura melódica e equilibrio compositivo. O seu legado foi descrito como o enlace entre o final do Romanticismo co Modernismo do segundo cuarto do século XX. Cando naceu, Frédéric Chopin aínda compuña, e no momento do seu falecemento, escoitábanse estilos como o jazz e a música atonal da Segunda Escola de Viena. O Grove Dictionary of Music and Musicians, que o describe como o compositor máis avanzado da súa xeración en Francia, indica que as súas innovacións harmónicas e melódicas influíron na ensinanza da harmonía musical nas xeracións vindeiras. Contrastando co encanto das súas primeiras obras, as súas últimas composicións, escritas cando a súa xordeira era cada vez maior, son consideradas imprecisas e de carácter introvertido e, noutras ocasións, axitadas e apaixonadas.

Traxectoria Primeiros anos Gabriel Urbain Fauré naceu en Pamiers, no departamento de Ariège, Francia, o 12 de maio de 1845, sendo o quinto dos seis fillos que tivo o matrimonio entre Marie-Antoinette-Hélène Lalène-Laprade (1809-1887) e Toussaint-Honoré Fauré (1810-85). Segundo o biógrafo Jean-Michel Nectoux, a presenza da familia Fauré nesta parte de Francia databa do século XIII. Membros da familia foron anteriormente terratenentes importantes, mais contra o século XIX os seus medios económicos reducíronse. O avó paterno do compositor, Gabriel, era un carniceiro cuxo fillo se converteu en mestre de escola. En 1829, os pais de Fauré contraeron matrimonio. A súa nai era filla dun membro menor da nobreza. Gabriel foi o único dos seis fillos do matrimonio que amosou talento musical. Os seus catro irmáns realizaron as súas carreiras no xornalismo, a política, o exército e a administración pública, e a súa irmá tivo unha vida tradicional como esposa dun funcionario público.

Enviárono a vivir cunha ama de cría ata que cumpriu os catro anos. En 1849, o seu pai obtivo o posto de director da École normale supérieure en Montgauzy, preto de Foix, o que permitiu a Fauré regresar a vivir coa súa familia. Alí había unha capela adxunta á escola, na que o mozo Fauré pasaba horas tocando o harmonio:Fauré en 1924, citado en

miniatura|Gabriel Fauré en 1864, co uniforme da École de Musique Classique et Religieuse. Unha anciá cega, que escoitaba e daba consellos ao rapaz, faloulle ao pai de Fauré do talento musical do seu fillo. En 1853, Dufaur de Saubiac, un funcionario da Asemblea Nacional, escoitou a Fauré e aconselloulle a seu pai envialo á École de Musique Classique et Religieuse, que Louis Niedermeyer estaba establecendo en París. Despois de reflexionar durante un ano, o pai de Fauré accedeu e levou o rapaz, que daquela tiña nove anos, a París en outubro de 1854.

Fauré continuou como alumno na escola durante once anos, durante os cales estivo sostido economicamente por unha bolsa concedida polo bispo da súa diocese. O réxime da escola era austero, os cuartos lúgubres, a comida mediocre e os mozos estaban obrigados a vestir un elaborado uniforme. O ensino musical, con todo, era excelente. O obxectivo de Niedermeyer era producir organistas e directores competentes, centrados na música sacra. Os titores de Fauré foron Clément Loret para o órgano, Pierre-Louis Dietsch para a harmonía, Xavier Wackenthaler para contrapunto e fuga, mentres que as clases de piano, canto chan e composición recaeron sobre o propio Niedermeyer.

Logo do falecemento de Niedermeyer en marzo de 1861, foi Camille Saint-Saëns quen ocupou o seu lugar a cargo dos estudos de piano e introduciu a música contemporánea, incluíndo obras de Robert Schumann, Franz Liszt e Richard Wagner. Máis adiante, Fauré lembrou o papel que tivo na súa carreira musical:Fauré en 1922, citado en

Saint-Saëns seguía con entusiasmo o progreso do mozo Fauré, axudándoo cada vez que podía. Nectoux afirma que en cada etapa da carreira de Fauré «a influencia que Saint-Saëns exerceu pode darse por sentado». A íntima amizade entre ambos durou ata a morte de Saint-Saëns seis décadas máis tarde. Fauré gañou múltiples premios na escola, incluído o premiers prix pola composición de Cantique de Jean Racine, Op. 11, o primeiro dos seus traballos corais en formar parte do seu repertorio habitual. Deixou a escola en xullo de 1865 como Laureat en órgano, piano, harmonía e composición e cun diploma como Maître de Chapelle.

Organista e compositor miniatura|esquerda|200px|Retrato de Fauré (c. 1870) feito por Paul Mathey (1844-1929). Ao deixar a École Niedermeyer, Fauré foi nomeado xefe organista da igrexa de Saint-Sauveur, en Rennes, Bretaña. Asumiu o cargo en 1866. Durante os seus catro anos aló, ampliou os seus ingresos tomando alumnos privados aos que lles deu «innumerables leccións de piano». Debido á insistencia regular de Saint-Saëns continuou compoñendo, mais ningunha das súas obras deste período sobreviviu. Con todo, Fauré aburríase en Rennes e tiña unha relación difícil co párroco, que dubidaba da convicción relixiosa de Fauré. A Fauré víaselle regularmente zafarse nos sermóns para fumar un cigarro e, a principios de 1870, cando un domingo chegou para tocar na misa aínda ataviado no seu traxe de gala porque estivo toda a noite nun baile, esixiron a súa dimisión. Pouco tempo despois, coa discreta intercesión de Saint-Saëns, obtivo o posto de axudante de organista na igrexa de Notre-Dame de Clignancourt, situada ao norte de París. Alí permaneceu só uns poucos meses. Logo do estalido da guerra franco-prusiana, presentouse voluntariamente para o servizo militar. Tomou parte no sitio de París e loitou en Le Bourget, Champigny e Créteil. Foi condecorado coa Croix de Guerre.

Logo da derrota de Francia por parte de Prusia, houbo un breve e sanguento conflito en París de marzo a maio de 1871, durante a Comuna. Fauré escapou a Rambouillet, onde vivía un dos seus irmáns, e logo viaxou a Suíza onde foi profesor na École Niedermeyer, que se trasladara temporalmente a ese país para evitar a violencia en París. O seu primeiro alumno no colexio foi André Messager, quen se convertería nun amigo de por vida e ocasional colaborador seu. As composicións de Fauré deste período non reflectiron abertamente a axitación e o derramamento de sangue. Algúns dos seus colegas, entre os que se inclúen Saint-Saëns, Gounod e Franck escribiron e publicaron elexías e odas patrióticas. Fauré non foi partidario desta idea, con todo, de acordo coa súa biógrafa Jessica Duchen, «a súa música adquiriu unha atmosfera máis sombría e pesimista, un sentido de traxedia con tons escuros [...] apreciable sobre todo nas súas cancións deste período, como L'Absent, Seule! e La Chanson du pêcheur».

Cando Fauré volveu a París en outubro de 1871, foi nomeado mestre de coro na igrexa de Saint-Sulpice, baixo a dirección do compositor e organista Charles-Marie Widor. No exercicio das súas funcións, escribiu varios cánticos e motetes, algúns dos cales se conservaron. Nalgúns servizos, Widor e Fauré improvisaban simultaneamente nos dous órganos da igrexa, tentando alcanzarse o un ao outro con repentinos cambios de tonalidade. Fauré asistía regularmente aos salóns musicais que organizaban Saint-Saëns e Pauline Viardot-García, a quen o propio Saint-Saëns presentou.

Fauré foi membro fundador da Société Nationale de Musique, formada en febreiro de 1871 baixo a presidencia conxunta de Romain Bussine e Saint-Saëns, co fin de promover a nova música francesa. Outros membros que participaron foron Georges Bizet, Emmanuel Chabrier, Henri Duparc, Vincent d'Indy, César Franck, Édouard Lalo e Jules Massenet. Fauré chegou a ser secretario da sociedade en 1874. Moitas das súas obras foron presentadas por primeira vez nos concertos da sociedade.

miniatura|dereita|Fauré c. 1875. En 1874, Fauré mudouse de Saint-Sulpice á igrexa da Madeleine como suplente do organista principal, Saint-Saëns, ante as numerosas ausencias deste cando se encontraba de xira de concertos. Algúns admiradores da música de Fauré lamentaron o feito de que, aínda que se adicou profesionalmente ao órgano durante catro décadas, non deixou composicións para este instrumento.Véxase, por exemplo, e Saint-Saëns comentou que Fauré «era un organista de primeira clase cando se propuña», e era recoñecido polas súas improvisacións. Con todo, prefería o piano sobre o órgano, o cal só tocaba porque lle proporcionaba ingresos regulares. Duchen especula con que a Fauré non lle gustaba o órgano, posiblemente porque «para un compositor de tal delicadeza de matices, e tan sensual, o órgano simplemente non era o suficientemente sutil».

Segundo Nectoux, os Clerc foron a familia comprensiva que Fauré non tivo durante a súa estadía na escola de Niedermeyer. Camille Clerc, enxeñeiro pola École polytechnique, durante o verán organizaba concertos privados aos que asistían importantes músicos como Joseph Hollmann, Gustav Friedrich e Hubert Léonard, e o propio Fauré. Este tipo de eventos non estaban só reservados para músicos, senón tamén para outro tipo de persoas de renome aínda sen ser profesionais da música. Esta área de influencia permitiulle a Fauré conseguir múltiples recomendacións en eventos musicais, o que o estimulou e brindoulle máis experiencia no seu traballo.