Albino Mallo Álvarez, nado en Vigo o 22 de abril de 1929 e finado o 16 de setembro de 2020 na Coruña, foi un xornalista e escritor galego.

Traxectoria O pai, Albino Mayo García, era un emigrante retornado da Arxentina que abrira o (hoxe desaparecido) café Derby, de Vigo, local que durante boa parte do século XX foi lugar de parladoiros culturais na cidade. Mallo licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago e marchou a Madrid traballar de pasante no despacho que tiñan Victoriano Fernández Asís e Cipriano Torre Enciso, mentres que estudaba un mestrado. Mallo simultaneou a súa formación coa escrita xornalística tanto en Santiago, en La Noche, como en Madrid, en Pueblo, neste caso grazas á mediación dos seus xefes avogados, que tamén escribían nel.

Volveu a Vigo en 1959, onde colexiou de avogado e empezou a exercer pero non lle gustraba polo que, nesa época, comezou a colaborar na radio con La Voz de Vigo onde facía un programa de cultura canda a que logo sería a súa dona, Pilar Martínez Ledo. Proseguiu profesionalmente como xornalista, e non como avogado, e foi redactor en La Voz de León e despois, en 1962, director de La Voz de Extremadura e de La Voz de Guipúzcoa.

Licenciouse na Universidade de Navarra en Ciencias da Información, e incorporouse á prensa escrita, na redacción do diario Unidad, e redactor xefe de La Voz de España, ambas as dúas cabeceiras en Donostia.

En 1979 ingresou na Axencia Efe, onde foi destinado primeiro como subdelegado a Bruxelas, e logo como delegado (correspondente xefe) en Montevideo e Santiago de Chile. Neses primeiros anos oitenta cubriu as ditaduras suramericanas e a Guerra das Malvinas. A mediados dos anos oitenta foi nomeado delegado de EFE en Galicia e mudouse a vivir a Santiago de Compostela. Rematou a súa carreira profesional en 1992, dirixindo El Ideal Gallego, aínda que até o final da súa vida seguiu a colaborar con distintos medios galegos con artigos de opinión, como en El Correo Gallego e con O Correo Galego, que despois mudou o nome a Galicia Hoxe.

Recoñecementos Obtivo o Premio Nacional Virxe do Carme e o Premio Nacional de xornalismo turístico e en 1999 recibiu a Medalla de Bronce de Galicia.

Obras en galego Ensaio Colmeiro, Laxeiro e Torres, tres pintores históricos de Pontevedra, 2001, Xunta de Galicia. Algo máis que un café. O Derby de Vigo. 1921-1968, 2010, Vigo: Galaxia. ISBN 9788498652703

Obras colectivas A Coruña á luz das letras, 2008. A Coruña: Trifolium. ISBN 978-8493532543

Obras en castelán La otra medicina en Galicia, 1992, Biblioteca 114, Editorial Compostela. ISBN 84-85553-99-3 Cuatro pasos por la India, 1996. San Sebastián: Caja de Ahorros Provincial de Guipuzcoa. ISBN 84-7231-255-0 El hijo del emigrante, 2000. Santiago de Compostela: Tórculo. ISBN 84-8408-127-3 La aventura de un periodista. Personajes que conocimos, 2014. Camiño do Faro. ISBN 9788493878221 Notas

Véxase tamén Ligazóns externas galegos.galiciadigital.com

Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Xornalistas de Vigo Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1929 Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Finados en 2020 Categoría:Medalla de Bronce de Galicia