A Segunda Internacional foi unha organización formada en 1889 polos partidos socialistas e laboristas que desexaban coordinar a actividade internacional dos movementos obreiros que se formaran en gran parte dos países europeos amparados pola extensión do sufraxio universal. Continou o traballo da Primeira Internacional, inda que cunha estrutura máis descentralizada, ata a súa disolución en 1916.

O centro permanente que dirixía a II Internacional tivo sede en Bruxelas. Esta experiencia mostrou moi pronto as súas limitacións históricas, sobre todo a causa das diverxencias entre as posicións dos distintos países, que se alinearon cos intereses nacionais con frecuencia. Co estoupido da primeira guerra mundial a contradición entre as aspiracións revolucionarias das clases oprimidas e a política da II Internacional chegou ó punto de que se fixo necesaria a creación dunha Terceira Internacional, en 1919, que adoptou o nome de Internacional Comunista (abreviadamente, Komintern), para distinguirse do apego da segunda ós medios electorais.

A Segunda Internacional reorganizouse en 1920, pero moitos partidos se negaron a unirse a ela, formando a Unión Internacional de Partidos Socialistas Obreiros como alternativa. A UIPSO tivo unha curta vida, non obstante, e en 1923 volveu integrarse á Segunda Internacional. A segunda guerra mundial acabou de disolver as forzas que a integraban, e precipitou a súa desaparición en 1940.

Entre as accións máis famosas da Segunda Internacional está a declaración do 1° de maio como Día Internacional do Traballo en 1889 e o 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora en 1910.

Congresos da Segunda Internacional A máxima instancia de reunión eran os Congresos, baixo diferentes denominacións: París, 14 ó 19 de xullo de 1889. Bruxelas, 3 ó 7 de agosto de 1891. Convocado como o Congreso Internacional Obreiro Socialista e organizado polo Partido Obreiro de Bélxica. Zürich, 9 ó 13 de agosto de 1893. Convocado como o Congreso Internacional Obreiro Socialista e organizado por un comité ad hoc. Londres, 26 ó 31 de xullo de 1896. Convocado como o Congreso Internacional Socialista de Traballadores e Cámaras Sindicais Obreiras e organizado por un comité ad hoc. París, 23 ó 27 de setembro de 1900. Convocado como o Congreso Socialista Internacional, quedando como o nome definitivo, e organizado por un comité ad hoc. Ámsterdam, 14 ó 20 de agosto de 1904. Organizado e convocado, en adiante, polo BSI. Stuttgart, 18 ó 24 de agosto de 1907. Copenhagen, 28 de agosto ó 3 de setembro de 1910. Basilea, de carácter extraordinario, 29 ó 30 de xullo de 1912. Xenebra, 31 de xullo ó 4 de agosto de 1920. Estaba programado un Congreso en Viena a realizarse en agosto de 1914, posposto ata 1920 ó iniciarse a primeira guerra mundial.

Conferencias da Segunda Internacional Entre 1915-1919 realizáronse unha serie de conferencias convocadas por grupos de partidos integrantes da Segunda Internacional. Nestas reunións prodúcese a separación definitiva entre a dereita, o centro e esquerda da Segunda Internacional e a constitución futura dos seus respectivos organismos e partidos. Estas conferencias foron: Copenhagen, 17 e 18 de xaneiro de 1915. Londres, 14 de febreiro de 1915. Zimmerwald, setembro de 1915. Marca a quebra definitiva da II Internacional ó crearse a Comisión Socialista Internacional. Kiental, 1916, continuación da anterior. A Haia, en xullo de 1916 como Conferencia de socialistas neutrais. Convocada polo BSI. Estocolmo, en xuño de 1917 como Conferencia Internacional Socialista, convocada polo Partido Socialdemócrata Independente de Alemaña (USPD). Berna en 1919 como Conferencia Internacional Obreira e Socialista. Ámsterdam en abril de 1919 como Conferencia Internacional Socialista. Lucerna en xullo de 1919 co mesmo nome da anterior.

Ademais efectuouse unha reunión dos comités executivos das tres internacionais en Berlín entre o 2 e 5 de abril de 1922.

Categoría:Internacionais